BNG reclama o tramo Vigo-Redondela sen cabinas de peaxe

Compartir
Nestor Rego, Deputado do BNG. Foto: BNG

A formación nacionalista apoia a mobilización convocada hoxe polas asociacións de veciños e veciñas de Teis e Chapela.

Néstor Rego: “É un contrasentido que se exixa un dispositivo de telepeaxe para acceder á gratuidade e que, aínda así, se aplique só as viaxes dentro das 24h seguintes. Deben recollerse as demandas veciñais e levantar as barreiras”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado libere o tramo Vigo-Redondela para todas as usuarias e usuarios, sen necesidade de empregar dispositivos de telepeaxe e con independencia do tempo transcorrido entre ida e volta fixado ahora en 24h. É necesario modificar o Real Decreto para estabelecer a total gratuidade do tramo tal e como veñen reclamando os veciños e veciñas e por iso a organización nacionalista apoia a mobilización convocada para este xoves que exixe a supresión da peaxe, a integración da vía como tramo urbano e a instalación de pantallas contra o ruído.

Con atraso respecto do compromiso inicial, as rebaixas nas portaxes da AP-9 foron aprobadas en Consello de Ministros celebrado o pasado martes, 27 de xullo mediante Real Decreto e publicado ao día seguinte no BOE, mais a aplicación da rebaixa no caso da gratuidade do tramo Vigo-Redondela non resulta adecuada pois non vai poder aplicarse a todos os usuarios e usuarias habituais.

“Aínda que recoñece unha bonificación de 100%, para a súa aplicación as persoas usuarias deberán posuír un dispositivo de telepeaxe” recrimina o deputado nacionalista. Este tipo de aparellos, fornecidos por entidades bancarias, supoñen “un custo anual pola súa utilización, algo que resulta innecesario e inxusto, supón un gasto engadido para as persoas usuarias e ganancia para os bancos”.

Así mesmo, dentro das modificacións “tampouco poderán verse beneficiados aqueles usuarios e usuarias que, aínda tendo o sistema de telepeaxe, realicen os traxectos de ida e volta nun período de tempo superior ás 24 horas” critica Rego. Así, os veciños e veciñas que se desprazan máis esporadicamente ou que non poidan contratar coa súa entidade a instalación deste dispositivo “veranse obrigados a pagar igualmente a portaxe”.

Por este motivo, “o BNG reclama que se revise o Real Decreto e se corrixa esta previsión para estabelecer, de verdade, a gratuidade do tramo entre Vigo e Redondela e dar cumprimento así cunha das principais reclamacións sociais deste área”. O propio Real Decreto recoñece que as persoas que viven na zona teñen e terán que seguir soportando os efectos de contaminación ambiental acústica polo paso da autoestrada á beira das súas vivendas, así como a existencia dunha forte demanda social para a gratuidade da portaxe nos seus percorridos até Vigo. “Non pode ser que o Real Decreto recoñeza só en determinadas condicións a gratuidade do tramo, mesmo cando quen accede agora até a devandita cidade desde o Morrazo se beneficia da aplicación desta medida” enfatiza.

“No lugar de reordenar as cabinas de cobranza para garantir a gratuidade, obrigarase ás persoas residentes en Vigo ou Redondela que se desprazan diariamente por motivos laborais ou de estudo a instalar unha telepeaxe no seu vehículo e pagar as correspondentes comisións para iso” indica o deputado do BNG. Así mesmo, os atascos ou embotellamentos que se producen son maiores polo mantemento das barreiras da portaxe que “obrigan a parar ou a reducir a marcha”.