Carmela Silva pon o foco na Mic do Mindtech: “dar o salto para que as mulleres sexan líderes tecnolóxias “

Compartir
Mindtech 1. Fonte: Deputación

A Presidenta da Deputación participou na apertura da Conferencia Internacional Mindtech poñendo en valor o talento feminino e o proxecto “Tecnolóxicas”, que presentou á Vicepresidenta do Goberno de España no marco da feira.

Nadia Calviño: “A participación das mulleres ten sido un dos grandes vectores da transformación e modernización de España, e vai seguir séndoo nas próximas décadas se nos aseguramos de subirnos ao tren das novas tecnoloxías e sobre todo, da dixitalización”

 

A urxente necesidade de que as mulleres estean presentes “en todos os retos da transformación total e absoluta” que está a vivir a humanidade da man da tecnoloxía e dixitalización, centrou hoxe a intervención da presidenta da Deputación de Pontevedra na apertura da Conferencia Internacional da feira Mindtech en Vigo. Na apertura da MIC, xunto a Vicepresidenta Primeira do Goberno de España e Ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, Carmela Silva incidiu na importancia de que as mulleres “poidan formarse e adquirir a posición para ser dirixentes das tecnolóxicas”, e puxo como exemplo o proxecto “TecnoLóxicas”, que a Deputación desenvolve con Asime, como un paso máis “para dar ese salto e que sexamos líderes”. Precisamente, a Presidenta puido explicar con detalle este novidoso programa á Vicepresidenta do Goberno, e visitou o stand que “TecnoLóxicas” no marco da feira, proxecto que opta aos fondos Next Generation.

Mindtech 2. Fonte: Deputación

 

Na súa intervención, Carmela Silva puxo en valor a importancia de Mindtech que ten permitido “vivir en primeira persoa” os grandes avances dixitais que se están a producir na industria, que “amosan que España é un país moi avanzado, e témonos que sentir orgullosas e orgullosos do noso potencial, de todo o que se investiu a nivel público e privado para estar ben posicionados”. Pero a velocidade desta transformación implica novos retos cada día aos que hai que dar resposta, que “son dixitais, de conectividade, pero tamén ligados á sostibilidade” e ao compromiso coa igualdade. Neste senso, puxo o foco na necesidade de que as mulleres se incorporen a carreira e aos empregos tecnolóxicos, “que nos van formar de cara ás industrias xa non do futuro, senón do presente”.

 

Mindtech. Fonte: Deputación

 

Tamén amosou a súa preocupación ante a actual situación, que non está a ser favorable, cun descenso de mulleres nas matriculacións das carreiras STEAM, e “cunha pequena porcentaxe de mulleres que ocupan lugares de gran representación nas industrias tecnolóxicas”. “En 100 anos temos logrado ser máis do 55% das tituladas universitarias, polo tanto temos que dar este paso para que as mulleres ocupemos a metade de todo nesta economía dixital e verde”, afirmou. Cara ese obxectivo vai dirixido o proxecto “TecnoLóxicas”. “Creo que non hai un proxecto tan potente como este, subliñou, para que nas empresas haxa a posibilidade de que haxa mulleres que se poidan formar, estar mentorizadas e adquirir a posición para ser dirixentes das tecnolóxicas. Este programa vai permitir que haxa moitas firmas dispostas a que haxa mulleres dando ese salto para que sexamos líderes. Nesta conferencia internacional a metade do mundo ten que estar presente”, rematou.

 

Tecnolóxicas. Fonte: Deputación

 

O papel fundamental das mulleres na economía e na tecnoloxía, que centrou a intervención de Carmela Silva foi recollido pola vicepresidenta Nadia Calviño, quen remarcou que “a igualdade e a participación das mulleres ten sido un dos grandes vectores da transformación e modernización de España, e vai seguir séndoo nas próximas décadas se nos aseguramos de subirnos ao tren das novas tecnoloxías e sobre todo, da dixitalización”.

 

Mindtech. Fonte: Deputación

 

A Vicepresidenta tamén falou da recuperación económica trala pandemia, está en marcha e “é moi forte e intensa, e amosa a gran capacidade do noso país”. Calviño cualificou da “oportunidade extraordinaria” que van supor os fondos europeos e o Plan de Recuperación: “Temos un plan, temos os recursos e a determinación de non deixar pasar esta oportunidade, e vexo un gran compromiso das empresas para aproveitar esta oportunidade”. “Temos unha base moi sólida, engadiu, temos un tecido produtivo forte, resiliente, innovador e flexible, con grandes empresas como as do metal, pero tamén con pequenas e creativas empresas que compiten sen complexos a nivel mundial. E por iso creo, dixo, que España e un país enorme para atraer investimento e talento nestas novas tecnoloxías. Esta aposta por posicionarnos para atracción de investimento da industria dixital é gañadora. Regreso coa mochila cargada con tres palabras: orgullo, confianza e esperanza”, concluiu.