24 septiembre, 2021
O Secretario Xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reuniuse esta tarde no Pazo de Mos cos membros da organización do VI Festival Intercéltico O Son do Pazo 2021, e coas representantes municipais Nidia Arévalo, Alcaldesa de Mos, e Sara Cebreiro, Concelleira de Cultura e Turismo Mosense.
O representante da Xunta puxo en valor esta cita para divulgar tanto a nosa música como os oficios tradicionais vencellados a ela. Un evento que se celebrará esta mesma fin de semana con acceso gratuíto pero para o que xa non quedan entradas dispoñibles.
O Son do Pazo 2021 conta co apoio do Concello de Mos e a Xunta de Galicia. O festival está organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos e celebrarase este venres 24, e sábado 25.
O Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor citas como o festival Mosense, “que afondan na música galega e de raíz e que contribúen ademais á divulgación dos oficios máis tradicionais vencellados á nosa historia musical”. Non en balde, durante os dous días do festival, desenvolveranse mostras de coiro e instrumentos tradicionais e diferentes obradoiros.
No eido das actuacións, abrirán o festival o grupo Fillos D’Pile e a banda de gaitas do Casco Vello. A sesión vermú do sábado correrá a cargo de Cé Orquestra pantasma, e Acordeireta, mentres que pola tarde será a quenda de Artur Puga, (cun obradoiro de baile), e da banda de gaitas Airiños do Castelo. Lagharteiras, Fiandola e Pelepau porán o ramo ao festival.
Alerta