11 agosto, 2021
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe a boa acollida do albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves polo que xa pasaron 473 peregrinos desde que abrira as súas portas o pasado 1 de xullo.
Neste sentido, indicou que o Camiño Portugués da Costa, que atravesa a cidade viguesa, segue a ser un dos máis demandados, elixido xunto a vertente do interior polo 25% dos peregrinos que chegan a Compostela.
A diversidade na procedencia dos peregrinos que durante este tempo se aloxaron no establecemento do Berbés confirma, en opinión da delegada territorial, a popularidade do Camiño nos diferentes territorios e especialmente do Camiño Portugués da Costa, un dos que se rexistrou os maiores incrementos no 2019 e que se mantén en auxe.
Viaxeiros de 29 países reservaron praza no albergue vigués orixinarios da República Checa, Italia, Romanía, Eslovenia, Francia, Alemaña, Bélxica, Polonia, Armenia, Inglaterra, Suiza, Rusia, Hungría, Portugal, Holanda, Croacia, Ucraína, Dinamarca, Austria, Suecia, Estados Unidos, México, Australia, Sudáfrica, Mali, Uganda, Guatemala, Costa de Marfil e Guinea; e de 12 comunidades autónomas, Andalucía, Baleares, Canarias, Extremadura, Aragón, Valencia, Navarra, Castela León, Castela La Mancha, Cataluña, Madrid e Murcia.
Fernández-Tapias constatou así o éxito deste aloxamento, do que recordou que pese a ter unha capacidade para acoller a 93 persoas ten limitado o seu aforo en cumprimento das medidas ás que obriga a situación actual de crise sanitaria.
Un edificio de seis plantas cunhas instalacións accesibles para dar resposta á demanda de aloxamento, dixo, que reflexa o compromiso do Executivo galego para que a cidade contase co albergue de peregrinos que se merece e no que investiu 1,8 millóns de euros. Ao fío, destacou os beneficios que reporta o Camiño ás economías locais, máis aínda cando as rutas xacobeas comenzan a rexistrar un notable incremento de peregrinos.
Fernández-Tapias, que insistiu na oportunidade que supón a celebración deste dobre Ano Santo Xacobeo, volveu a agradecer á hostalería e o comercio vigués a súa implicación, entendendo a importancia estratéxica que supón o Camiño Portugués da Costa, e a súa colaboración na sinalización desta ruta.
Referendou ademais o compromiso da Xunta para ofrecer as máximas garantías para que a Comunidade sexa sinónimo de destino seguro, con medidas como o sistema de reservas online nos albergues; ou a posta en marcha da aplicación PassCovid e do Seguro Covid, para dar cobertura aos viaxeiros no caso de que enfermen durante a súa estancia na Comunidade. Asemade, referiuse aos apoios específicos para a hostalería para, por exemplo, adaptar as terrazas, os servizos de entrega a domicilio e os locais ás medidas sanitarias.
Alerta