En Vilagarcía, ábrese o prazo para solicitar as axudas municipais a estudos universitarios e de ciclos superiores de FP

Compartir

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases da convocatoria das Axudas Municipais aos estudos universitarios e de ciclos superiores de FP que concede o Concello de Vilagarcía a estudantes da cidade. Como nas edicións anteriores, as axudas ascenden a 400 euros para alumnos de estudos universitarios e de 200 para os demais incluídos na convocatoria. As solicitudes, xunto coa documentación que figura nas bases, deberán presentarse a través da sede electrónica do Concello (sede.vilagarcia.gal). O prazo ábrese mañá, 14 de setembro e remata o 17 de outubro. O Concello dispón dunha partida de 60.000 euros para financiar estas bolsas de estudos.

A convocatoria refírese a estudos realizados durante o curso 2020/21. Por iso, ademais de estar empadroados en Vilagarcía, un dos principais requisitos para acceder a estas subvencións é que, en caso de estudos universitarios ou de nivel similar, os alumnos teñan cursado un mínimo de catro materias anuais ou un mínimo de 30 créditos por curso. No caso dos ciclos superiores esíxese que os estudos se realizasen na modalidade de dedicación a tempo completo. E en ámbolos dous casos, para recibir a axuda terán que xustificar ter superado, polo menos, o 50% das materias nas que estivesen matriculados no curso 2020/21.

Esta é a sexta convocatoria desta liña de axudas creadas polo executivo socialista para garantir a igualdade de oportunidades no que á formación e estudos se refire, de xeito que a situación económica familiar non sexa obstáculo para elo, dado o elevado custe que isto supón para as familias con economías máis febles. Por iso as axudas concédense en base aos niveis de renda familiar.