4 agosto, 2023
― Explica que a intervención persegue o calmado do tráfico na entrada da PO-323 á cidade; ofrecer máis protección aos peóns, con actuacións encamiñadas a incrementar a seguridade; e favorecer a mobilidade sostible, coa mellora dos itinerarios peonís
― Lembra que nesta 1ª fase de humanización actúase no treito de 500 metros entre o cruce da estrada PO-323 coa avenida da Mariña Española e o IES de Teis
― Destaca a especial sensibilidade e coidado que puxo a Xunta para garantir o aparcadoiro aos veciños, poñendo xa en servizo de xeito provisional a finais de abril unha zona con 38 prazas, 5 máis das inicialmente previstas
― Subliña que a estas obras se sumarán a unha 2ª fase de mellora, desde o IES de Teis ata o límite do termo municipal, que se iniciará no outono cun investimento de 4,1 M€
― En total son 6,6 M€ de investimento da Xunta destinado a fomentar unha mobilidade segura e sostible na avenida de Galicia en Teis, favorecendo tamén a mobilidade interna da cidade con conexións coa trama urbana de beiravías existentes
― Sinala que con estas intervencións e coa da mellora da mobilidade peonil e ciclista no borde portuario da cidade, o investimento en actuacións na rede de estradas da Xunta en Vigo supera amplamente os 30 M€ nos últimos anos
Aquí el audio de la Concelleira Ethel Vázquez :
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que os veciños de Teis disporán na primavera dunha avenida de Galicia máis accesible, humana e segura tras un investimento da Xunta de 2,5 millóns de euros e avanzou o inicio, no outono, da segunda fase das obras, que complementarán a humanización.
A titular de Infraestruturas supervisou, xunto coa delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a marcha dos traballos dunha primeira fase de humanización da avenida de Galicia que se iniciou a finais de marzo, está a avanzar a bo ritmo e acada xa o 30% de execución.
Vázquez Mourelle explicou que os obxectivos desta intervención son o calmado do tráfico na entrada da PO-323 á cidade de Vigo, unha vía con características moi urbanas; ofrecer máis protección aos peóns, con actuacións encamiñadas a incrementar a seguridade viaria; e favorecer e mobilidade sostible, coa mellora dos itinerarios peonís.
As intervencións que se están a levar a cabo nesta primeira fase de humanización da avenida de Galicia céntranse nun treito de 500 metros, entre o cruce da estrada PO-323 coa avenida da Mariña Española e o IES de Teis. Na actuación, tal e como indicou a titular de Infraestruturas, téñense en conta puntos singulares do trazado da estrada que presentan unha maior conflitividade, como os cruces coas vías que dan acceso ao centro de saúde ou á ETEA.
Os traballos que se están a desenvolver consisten na mellora e ampliación ata os 2 metros de ancho das beirarrúas en ambas as marxes ao longo dos 500 metros de vía nos que se está a actuar para garantir a continuidade e a accesibilidade. Ademais, para garantir movementos máis seguros e tráfico máis fluído, vaise habilitar unha glorieta na intersección coa avenida da Mariña Española pola que se accede á ETEA.
Tamén se recolocarán as marquesiñas do autobús, instalarase unha nova varanda e reporase o muro de peche existente, favorecendo unha mellor integración na zona do Camiño Portugués.
Ethel Vázquez destacou a especial sensibilidade e coidado que puxo a Xunta para garantir as prazas de aparcadoiro aos veciños, algo moi importante, dixo, á vez que se fomenta unha mobilidade a pé máis sustentable e máis segura. Así referiu que, atendendo as achegas recibidas durante a información pública, a zona do aparcadoiro desprazouse da ubicación prevista inicialmente, enfronte do centro de saúde, ata a parcela contigua ao IES de Teis, e mantivéronse as prazas de aparcadoiro na avenida de Galicia que inicialmente se suprimían, entre os números 104-120 e nos números 67-69.
Lembrou que en só un mes despois de terse iniciado os traballos, a finais de abril, se acadou un fito importante nas obras, que foi a posta en servizo provisional do aparcadoiro de 38 prazas, 5 máis das inicialmente previstas, das que 3 están reservadas para persoas con mobilidade reducida.
Ademais do aparcadoiro, ata o momento realizáronse as demolicións necesarias na zona da glorieta e executáronse parte dos pavimentos; tamén a estrutura de ampliación da beirarrúa próxima ao IES; colocouse alumeado provisional; executáronse as redes de telecomunicacións e electricidade; e repúxose parte da rede de abastecemento, saneamento e alumeado.
De maneira inmediata, os traballos centraranse en finalizar a reposición destas redes de servizos e a drenaxe de pluviais. E despois continuarase coa renovación de pavimentos, a mellora e ampliación das zonas verdes, dotarase de alumeado definitivo, renovarase o firme da PO-323 e na Baixada aos Ríos e sinalización.
Ethel Vázquez indicou que se trata de obras moi complexas, nun tramo moi urbanizado da estrada, o que xera maiores afeccións e molestias aos veciños e usuarios.
Alerta