Fernández-Tapias e Luis López destacan a contribución do Pesca 1

Compartir
Base do Pesca 1 nas Instalacións da Consellería do Mar en Peinador, Fonte: Xunta de Galicia

A delegada territorial da Xunta en Vigo e o seu homólogo pontevedrés visitaron as instalacións da Consellería do Mar en Peinador, base do helicóptero do Servizo de Gardacostas de Galicia.

A colaboración entre Gardacostas e a Policía Autonómica na loita contra o furtivismo permitiu a incautación de máis de 260.000 útiles na última década.

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o delegado en Pontevedra, Luis López, destacaron hoxe a importante contribución do Pesca 1 do Servizo de Gardacostas ao control e salvamento no litoral do sur de Galicia.

Así o aseguraron nunha visita esta mañá ás instalacións da Consellería do Mar no aeroporto vigués de Peinador, base do helicóptero, nas que tiveron a oportunidade, acompañados polo subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, de coñecer ás tripulacións a cargo do Pesca 1. O equipo que durante 24 horas, os 365 días, vixía a costa desde A Guarda ata cabo Fisterra.

Base do Pesca 1 nas Instalacións da Consellería do Mar en Peinador, Fonte: Xunta de Galicia

Segundo informaron, o Pesca 1 cubre calquera emerxencia que faga necesaria a intervención dun helicóptero con grúa externa en Galicia e desprázase ata Portugal en función das misións ou a requirimento do país veciño, ao non contar este cun medio aéreo de rescate marítimo nocturno.

Deste modo, ao labor de control e inspección que exercen sobre os pesqueiros, co obxectivo de detectar e comunicar posibles infraccións, contan cos medios necesarios para realizar todo tipo de rescates e evacuacións. A nivel técnico está dotado con grúa de rescate, cámara de infravermellos, focos de busca, GPS, equipos de comunicación e gravación de última xeración, eslinga, cesta e cama de rescate.

Asemade, indicaron que existe un traballo conxunto entre os servizos das Consellerías do Mar e a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a través do 112 de Galicia para a protección das persoas ou os bens que se atopan en risco, non só no mar, senón tamén en zonas de difícil acceso por terra.

Base do Pesca 1 nas Instalacións da Consellería do Mar en Peinador, Fonte: Xunta de Galicia

Como dato, os delegados territoriais sinalaron que a colaboración entre o Servizo de Gardacostas de Galicia e a Policía Autonómica na loita contra o furtivismo  permitiu a incautación de máis de 260.000 aparellos empregados para a actividade marítimo-pesqueira ilegal e o comiso de máis 1,3 millóns de quilos de distintas especies de peixe e marisco entre os anos 2010 e 2020.

Galicia é a única Comunidade autónoma de España en contar cun servizo de gardacostas propio, unha das apostas blindadas do Goberno galego para avanzar na loita contra o furtivismo e tamén contra a contaminación mariña. Dentro desta aposta enmárcase a dotación de recursos e medios materiais como os oito drons, catro deles submariños e outros catro aéreos, que Gardacostas sumou recentemente ao seu equipamento. Estes medios únense ao plan de renovación parcial da frota que o Goberno autonómico está a desenvolver no Servizo de Gardacostas de Galicia e que conta cun investimento de máis de 12 millóns de euros.