Fernández-Tapias supervisa o remate das obras no Ies Primerio de Marzo de Baiona, tras un investimento de 293.000 euros

Compartir
Ies Primeiro de Marzo. Fonte: Xunta

A delegada territorial da Xunta en Vigo destacou a relevancia desta intervención, por canto “suporá unha importante mellora desde o punto de vista enerxético” no centro.

Cifra en case 12,5 millóns de euros o orzamento destinado este 2021 para melloras en centros educativos da área de Vigo, “unha nova mostra do compromiso da Xunta”.

 

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata o IES Primeiro de Marzo en Baiona para supervisar o remate das obras que, segundo dixo, “suporán unha importante mellora desde o punto de vista enerxético”.

Neste contexto, a representante autonómica salientou o alcance dos traballos que supuxeron un investimento por parte do Executivo autonómico de preto de 293.000 euros, e que consistiron na substitución da carpintería exterior do edificio principal en aulas, despachos e talleres, cunha instalación en aluminio con rotura de ponte térmico.

Optouse así por un acristalamento bajo emisivo de alta eficiencia enerxética, con cámara de aire e vidro laminar que ofrece mellores prestacións para a redución do ruído no interior; e por aperturas oscilobatentes, co obxectivo de aumentar a superficie de ventilación e facilitar a súa apertura e limpeza. Asemade, instaláronse persianas enrollables de aluminio cara ao exterior con reforzo.

Unha intervención que a delegada, recordou, se suma ás obras de reforma da instalación eléctrica no CEIP de Sabarís e EEI O Areal e o peche do CPI Cova Terreña, recentemente rematadas.

Fernández-Tapias, quen estivo acompañada na visita por parte da dirección do centro, o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, e membros da unidade técnica do departamento autonómico, cifrou en preto de 12,5 millóns de euros o investimento do Executivo galego este 2021, en melloras en centros educativos da área de Vigo. Unha nova mostra, dixo, do compromiso da Xunta de Galicia coa cidade e a súa contorna.