Fexdega prepárase para acoller aos 1.173 aspirantes a cubrir 6 prazas de auxiliar administrativo, no Concello de Vilagarcía

Compartir
Sillas oposición. Fonte: Concello

Para a celebración da proba ocuparase todo o pavillón principal, onde hoxe xa estaba previsto rematar de colocar as 1.200 cadeiras separadas por cuadrantes.

 

O persoal municipal adscrito ao recinto de Fexdega traballa arreo estes días na intendencia e os preparativos para acoller as probas da oposición convocada polo Concello de Vilagarcía para cubrir 6 prazas de auxiliar administrativo. Un total de 1.173 persoas inscribíronse para participar no proceso selectivo que celebrará o vindeiro venres, 5 de novembro, o primeiro exame. O persoal do recinto da Maroma xa ten organizado itinerarios e disposición das cadeiras para acoller aos opositores garantindo tanto as precaucións polo Covid como as normas para a celebración da proba.

Esta tarde rematará a colocación das 1.200 cadeiras que ocuparán todo o pavillón de Fexdega, tendo en conta a necesaria separación de 2 metros entre cada unha delas, e a habilitación de corredores de paso de 4 metros de ancho entre cada cuadrante, que estará composto por 144 cadeiras. Tamén se habilita unha tarima para os membros do tribunal.

O dispositivo para a celebración do exame do venres inclúe, así mesmo a organización da entrada, control de acceso e toma de datos dos participantes e saída. O acceso ás instalacións será pola porta principal e realizase en tres filas diferentes que estarán convenientemente sinalizadas. A apertura de portas está prevista para as 9.45 da mañá e o inicio da proba para as 12. O tempo entremedias é necesario para realizar o control de identidade dos participantes e ir colocándoos nos seus respectivos postos.

O exame do venres consiste nun test de 100 preguntas que será eliminatorio, pasando a celebrar a segunda proba, a informática, os que superen o primeiro.

A desta semana é, sen dúbida algunha, a oposición convocada polo Concello de Vilagarcía que máis afluencia de participantes sumou ata o de agora.