Compartir

Esto suporá un aforro de preto de 19 millóns de euros para as familias. Ademais, Feijóo asevera que Galicia é a segunda comunidade de España onde é máis barato estudar un grao e a comunidade máis barata para estudar un máster non habilitante.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación do decreto polo que se fixan os prezos públicos dos servizos académicos e administrativos no Sistema Universitario de Galicia para o curso 21/22, de xeito que os estudantes seguirán pagando pola súa matricula o mesmo que hai 11 anos.

“Un ano máis, Galicia volve situarse entre as comunidades máis baratas do Estado para cursar un grao ou un máster universitario”, dixo, precisando que esta medida suporá un aforro de preto de 19 millóns de euros para as familias.

Así, as taxas universitarias mantéñense invariables con respecto ao presente curso, cun prezo medio de 11,89 €/crédito para todas as primeiras matrículas de grao e de máster non habilitantes e habilitantes, de xeito que: un estudante de grao aforrará 266,40 euros por curso; un alumno de máster habilitante, 618,6 €/curso; e un estudante do resto de másters universitarios, 1.094,40 euros.

En termos comparativos, estes 11,89 euros de media por crédito son: 4,4 euros menos respecto ao prezo medio dun grao en España (16,33); 10,31 euros menos respecto ao prezo medio dun máster habilitante en España (22,20); e 18,24 euros menos respecto ao prezo medio dun máster non habilitante no conxunto do país (30,13).

Diante destas cifras, Feijóo aseverou que Galicia é a segunda comunidade de España onde é máis barato estudar un grao, tendo en conta que o 89% das matrículas corresponden a estas titulacións; “e somos a comunidade máis barata para estudar un máster non habilitante”, precisou.