Jan Gehl, máximo referente internacional do urbanismo que pon no centro ás persoas, visitará Pontevedra da man da facultade Agora

Compartir
Uxío Benítez. Fonte: Deputación

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez afirma que para a Deputación “é unha satisfacción e un enorme recoñecemento”, que o urbanista estea interesado no traballo feito na provincia.

O Teatro Principal acollerá o vindeiro 12 de novembro unha conferencia maxistral, para a que será precisa inscrición previa.

 

Jan Gehl, máximo referente internacional do urbanismo ‘de escala humana’ e que pon no centro ás persoas, autor das peonalizacións de Times Square en Nova York, o centro de Moscú e Melbourne, visitará Pontevedra o vindeiro 12 de novembro da man da Facultade Ágora da Deputación, para coñecer en persoa o traballo de recuperación do espazo público feito na provincia.

Así o anunciou hoxe o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos Uxío Benítez, quen sinalou que inicialmente Gehl ía participar nos seminarios formativos da Facultade Ágora en liña dende Copenhague, para ilustrar aos representantes públicos e técnicos dos concellos da provincia, sen embargo finalmente decidiu viaxar ata Pontevedra.

“Para nós é unha enorme satisfacción, un enorme recoñecemento para a Facultade Ágora. Estamos a falar dunha eminencia a nivel mundial con 85 anos que escolle moito as súas visitas e ten a ben vir a Pontevedra. Podería cumprir perfectamente cun Zoom dende Copenhague, mais vén aquí porque cando lle expuxemos o noso modelo interesáballe compartir con nós e ver o noso traballo presencialmente”, apuntou o nacionalista.

A transcendencia de Jan Gelh vese reflexada nos 98 libros publicados en 42 idiomas, a maioría escritos na última década, que amosan a súa paixón por explicar como o urbanismo pode mellorar a vida da xente. Defende que a maioría de cidades avanzadas deben promover que os seus cidadáns camiñen e usen a bicicleta nos seus desprazamentos urbanos e coincide con Ágora no plantexamento de que “camiñar debería ser considerado un dereito humano”. O propio vicepresidente César Mosquera asegurou que no caso de existir a categoría de urbanismo nos Premios Nobel, Gehl debería ter o galardón.

Como anécdota, Benítez subliñou que a tarxeta de visita de Gehl, como firme defensor das mobilidades naturais e non motorizadas, está ilustrada cunha fotografía del mesmo montado en bicicleta circulando cun paraugas aberto no medio dunha gran chuvia. “Aquí sempre que buscamos potenciar a ciclabilidade e camiñabilidade dos espazos públicos dísenos que chove moito e non se pode… e unha persoa de idade coma el demostra claramente que si”, apuntou.

Previamente á chegada de Gehl, a Facultade Ágora segue a súa dinámica. Na xornada de mañá celebrarase un novo seminario no que se tratará o tema da inclusión social, e o deseño das cidades dende unha perspectiva de xénero.

Para iso contarase, tamén de maneira presencial, coa arquitecta e urbanista Zaida Muxí, que actualmente é profesora na Facultade de Arquitectura de Barcelona e codirectora Máster Laboratorio da Vivenda do Século XXI da Universidade Politécnica de Cataluña, e é coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero, sendo unha das súas teorías máis destacadas que “as cidades teñen xénero e é masculino”. Tamén estarán mañá en Pontevedra o xeógrafo Màrius Navazo, e os representantes de COGAMI Anxo Queiruga e Paulo Fontán, abordando a teoría e a práctica de como construír espazos accesibles e integradores.

 

Primeira Asemblea Ágora

Por outra banda, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez aproveitou para anunciar que o vindeiro mércores 3 de novembro a Deputación celebrará a súa Primeira Asemblea Ágora, coas persoas representantes políticas e técnicas da Rede de Concellos polo Espazo Público.

Lembrou que a Xunta de Goberno da Deputación aprobou o 12 de xuño de 2020 a creación da rede e, case ano e medio despois, o proxecto de acción institucional entre a Deputación e os municipios da provincia ten avanzado significativamente.

O encontro terá como obxectivo poñer en común o traballo feito, ver a evolución dos obxectivos marcados de cara 2023, escoitar necesidades por parte dos concellos, así como poñer sobre a mesa as futuras liñas de actuación, entre as que destaca unha nova liña de axudas.

Aproveitando o encontro, informarase tamén da posibilidade de que os concellos da provincia poidan tramitar a través da Deputación subvencións no ámbito europeo, xa ben a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, React EU ou fondos estruturais da Unión Europea ou calquera outro que sexa acorde coa tipoloxía de actuacións de mobilidade sustentable.