Maior investimento no municipio para Salceda de Caselas na historia da Deputación

Compartir

Primeiro encontro institucional da presidenta Carmela Silva coa nova alcaldesa Verónica Tourón no que ambas as dúas mandatarias concordaron en seguir impulsando o concello que nestes 6 anos recibiu o maior investimento da historia de Deputación

O concello de Salceda de Caselas recibiu nestes seis anos investimentos da Deputación de Pontevedra por máis de 7,5 millóns de euros, (7.585.950,77€), a maior inversión feita nunca neste municipio pola institución provincial, que serviu para dotar á vila de equipamentos, servizos e dotacións que hoxe repasaron a presidenta provincial, Carmela Silva, e a nova alcaldesa, Verónica Tourón, no seu primeiro encontro institucional. Ambas mandatarias, avaliaron tamén o estado das obras que este ano Salceda realizará co Plan Concellos e, por outra banda, a alcaldesa detallou o proxecto que fará o goberno municipal co novo Plan Provincial ReacPon: a rehabilitación do Centro Social de A Devesa, que xa está en licitación e conta con todos os informes sectoriais.

A presidenta provincial e a alcaldesa avaliaron as seis obras que este ano Salceda pode executar cos 681.826,74 € euros que dispón do Plan Concellos 2021, proxectos todos eles xa concedidos pola Deputación: a reforma e acondicionamento das piscinas municipais (fase 1); a pavimentación en Pedra Carballa; a Estrada da Farrapeira a sete camiños (fase II); a rúa Joaquin Fernandez Sestelo; a reforma da Praza de Abastos; e a mellora de seguridade viaria en Bouza-Panda (Budiño). Salceda tamén ten aprobadas todas as accións da Liña 2 e da Liña 3, coa que pode financiar a contratación de 9 postos de traballo no concello, e se está tramitando a liña de axudas aos sectores máis afectados pola pandemia.

Investimentos en 6 anos

Dos 7,5 millóns de euros da Deputación, só co Plan Concellos Salceda percibiu estes anos máis de 3,9 millóns, partidas coas que puido levar a cabo 42 obras, como a humanización das rúas Compostela, Rafael Tilve e rúa Coruña; a urbanización do acceso ao novo Centro de Saúde; o Paseo fluvial e Parque Etnográfico do río Landres; a rehabilitación da antiga Casa-Escola de Vendanova; ou a mellora das instalacións deportivas de Penedo Redondo. Coa Liña 3 de emprego puido tamén financiar ata agora a contratación de 81 persoas desempregadas no Concello. Amais, Salceda foi un dos municipios beneficiados co Plan DepoRemse co que se realizou a urbanización do antigo campo da Feira da Devesa con máis de 468.000 euros; forma parte do proxecto de iluminación sostible de Fondos Europeos; dispón do servizo de Administración Electrónica e o asesoramento SmartPeme.

Con respecto ás infraestruturas, executáronse oito proxectos. Con case 1,5 millóns de euros a Deputación financiou entre eles a actuación de mobilidade sostible na EP 2505 ao seu paso polo núcleo urbano de Salceda, e a mellora de seguridade viaria entre Cerquido e Borralliño. Tamén fixéronse máis de 30 actuacións co Plan Móvese así como en pintado de estradas, sinalizacións, desbroces, atención a incidencias e conservación de firmes.

O concello participou en todas as liñas de axudas sociais financiadas pola Deputación como o Plan de Cofinanciamento, as axudas básicas de emerxencia, a teleasistencia domiciliaria ou as axudas extraordinarias pola Covid, cun investimento de medio millón de euros. E nestes anos, 3.179 persoas e 63 colectivos de Salceda participaron nos programas sociais provinciais. O mesmo en Igualdade. O concello obtivo subvencións da Deputación para a elaboración do II Plan de Igualdade amais doutras accións; tamén celebráronse 29 cursos de Conectadas e o programa Violencia Zero visitou a vila en dúas ocasións

Desde Cultura recibiu financiamento para rehabilitación e sinalización do patrimonio, actividades, de dinamización do galego e á Escola Amigos de la Musica; e desde Turismo Salceda formou parte das campañas de promocion e dinamización da provincia e ten empresas adheridas ao selo de calidade Sicted. Finalmente, no deporte, as liñas de subvencións chegaron a 8 clubs federados de Salceda, 5 colectivos, 4 deportistas de elite que dispoñen de bolsas DepoDan e DepoPromesa, 15 rapaces e rapazas da vila participaron nos campamentos polideportivos e se traballa cunha Deporte Escola de Balonmán. A Deputación tamén realizou nunha ducia de ocasións labores de mantemento dos campos de fútbol da Gándara e de Penedo Redondo.