22 julio, 2021
Mañá comeza a nova edición de Sinsal SON Estrella Galicia. A illa de San Simón, en Redondela, acollerá desde este venres 23, e até o vindeiro domingo 25, a celebración dun festival único e singular no marco do panorama musical estatal. Tres xornadas de música ao vivo, un cartel secreto, unha illa e unha viaxe en barco son os elementos clave dunha programación que este ano regresa a súa esencia cunha edición nomeada Esencial. A través que quere poñer de novo en valor a estreita relación entre a creación cultural do país e a súa contorna natural e patrimonial.
Sinsal SON Estrella Galicia é un festival impulsado por Sinsalaudio e que conta co patrocinio de Estrella Galicia, da Deputación de Pontevedra, de Turismo Rías Baixas e da Xunta de Galicia a través do programa FEST Galicia no marco do Xacobeo 21-22. Todas as institucións públicas amosaron esta mañá, nun encontro que tivo lugar no porto de Cesantes, o seu apoio á iniciativa cultural nun ano no que o 70% das bandas do seu cartel secreto -conformado por grupos de Galicia, Portugal, España e Estados Unidos- están lideradas por mulleres ou que contan, na súa totalidade, con integrantes femininas. Este encontro institucional contou coa asistencia da deputada de Turismo e Xuventude, Ana Laura Iglesias; do deputado de Centros de Investigación, Manuel González Martínez; da delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias; do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e do co-director do Sinsal, Luis Campos.
Sinsal Esencial comezará mañá
O público partirá da Estación Marítima de Vigo (16.00h) e do embarcadoiro de Meirande (17.10h) para percorrer a Ría de Vigo e chegar a unha illa na que, cada xornada, se celebrarán catro concertos, unha conversa sobre o futuro sostible da industria cultural e unha sesión de DJ para animar a despedida. Durante a tarde, as e os asistentes poderán visitar e coñecer de perto a memoria e a natureza que se atopa no arquipélago conformado por San Simón e San Antón. Malia que esta estrutura é compartida nas dúas primeiras xornadas, no caso do día 25 a programación adiantarase dúas horas, comezando así ás 14.00h para o público de Vigo e ás 15.15h no caso de quen teña entrada desde o pantalán de Meirande (xunto ao Centro de Interpretación de Rande).
A illa de San Simón acollerá dous escenarios insulares, FEST Galicia Xacobeo 21-22 e SON Estrella Galicia, nos que se sucederán os concertos. Mais nesta edición do Sinsal, o público poderá gozar, por vez primeira, dun escenario virtual. Esta proposta innovadora, que chega da man do equipo de Liveforevr -que realizarán un Art in Residence estes días na illa coas últimas tecnoloxías de vídeo e audio- suporá a retransmisión aberta a todo o mundo dunha experiencia inmersiva, en colaboración cunha das artistas do festival, o sábado 24 a través do Twitch e do Instagram de Liveforevr e Sinsal.
Actividades paralelas
Ademais das actuacións secretas das bandas, cuxos nomes se desvelarán no momento que o público chegue á illa, Sinsal SON Estrella Galicia pon sobre a mesa o debate sobre o futuro sostible da industria cultural. Os parladoiros Localizar e deslocalizar. Conversas internacionais sobre igualdade, patrimonio e cambio climático achegarán a San Simón unha perspectiva global da situación e posibilidades do sector a través da experiencia de iniciativas musicais do Líbano, Canadá, Italia ou Galicia. As conversas, que se gravarán en formato podcast, terán lugar no escenario FEST Galicia Xacobeo 21-22 o venres 23 e sábado 24 ás 18.00 horas, e o domingo 25 ás 16.00 horas.
Outra das novidades desta edición do Sinsal Esencial, na procura da conexión da música e da natureza, será a celebración dun paseo en catamarán pola enseada de San Simón cun concerto semiacústico o sábado 24. Durante o percorrido -o barco partirá ás 12.00 horas de San Adrián de Cobres-, un artista secreto galego presentará, en primicia, o seu novo disco.
Mais esta non será a única estrea no festival. A cineasta redondelá Diana Toucedo amosará no Sinsal SON Estrella Galicia, en exclusiva, as primeiras imaxes do seu próximo traballo. Tatuado nos ollos levamos o pouso é unha curtametraxe documental filmada en 16mm e dixital coas mariscadoras e mariñeiros da Confraría San Xoán de Redondela, cuxa rodaxe tivo lugar durante a pasada edición do Sinsal Litoral. A través dunha ollada que se achega a etnografía sensorial, a cineasta busca amosar a través dos xestos e dos coidados, o traballo das mulleres e homes do mar na ría de Vigo. Para este proxecto, cuxo pequeno avance se poderá ver en San Simón durante o festival, Diana Toucedo conta coa colaboración da música viguesa BFlecha e da poeta Dores Tembrás.
O festival
Sinsal SON Estrella Galicia celébrase desde o ano 2010 na Illa de San Simón coa intención de achegar unha programación coidada de artistas emerxentes e contemporáneos da escena nacional e internacional á vez que se pon en valor o patrimonio natural e histórico da Illa (un pequeno arquipélago conformado por San Simón e San Antón, declarado Ben de Interese Cultural). Neste tempo, Sinsal acadou recoñecementos nos Premios FEST e nos Iberian Festival Awards tanto pola súa programación como polo desenvolvemento da súa Estratexia de Sustentabilidade. Logo da pandemia por mor da covid-19 e unha edición no litoral, Sinsal regresa á Illa de San Simón e recupera a esencia da proposta: música ao vivo, contacto coa natureza e un cartel secreto encabezado pola propia illa atlántica.
Toda a información sobre Sinsal Esencial (histórico de artistas que actuaron no festival, horarios de ida e volta dos barcos, cuestións relativas ás entradas e condicións xerais de venda, protocolo covid-19 e outras preguntas frecuentes) pódese consultar na páxina web oficial do festival
Alerta