17 septiembre, 2021
A directora de Saúde e Medio Ambiente da OMS, participou hoxe no seminario ‘Hábitat saudable e biodiverso’, da Facultade Ágora da Deputación.
A médica instou a Alcaldes e Alcaldesas a crear cidades saudables que prioricen ás persoas e á cidadanía, a escoller aos políticos que presenten as mellores planificacións urbanas.
O biólogo catalán Josep Selga subliñou que “o futuro do planeta non se xoga na Amazonía, xógase nas nosas rúas e nas nosas prazas”.
Segundo a doutora Neira, o papel de Alcaldes e Alcaldesas é fundamental á hora de xestionar políticas de mobilidade, transporte público, de planificación urbana e espazos públicos, polo que instou a utilizar argumentos económicos, de saúde, e tamén electorais para que estes aposten por modelos saudables.
“Nós dicimos que os responsables municipais son ministros de saúde aínda que eles ou elas non o saiban, porque teñen nas súas mans a capacidade de crear as condicións que van influenciar dunha forma importante a saúde e benestar das persoas”, subliñou.
Asegurou de forma taxativa que “mellorar as condicións de vida nas cidades, de aparcamento, de transporte, dá votos, crédeme!” e aínda que recoñeceu que ao mellor os primeiros días comerciantes do centro protestan se se quitan os coches, poucos meses despois están totalmente de acordo: “Hai milleiros de experiencias arredor do mundo onde os que protestaron cando se quitou o tráfico meses despois non querían volverían atrás”.
Neira puxo enriba da mesa que nestes momentos prodúcense cada ano no mundo 7 millóns de mortes prematuras, pola contaminación do aire e destacou que as persoas deben ser conscientes de que o seu benestar está en xogo: “O hábitat no que nos desenvolvemos é importante, polo que urbanistas, arquitectos, responsables políticos… todas temos a responsabilidade de que as cidades sexan lugares nos que a saúde non estea en risco. Hai que recuperar o verde e o saudable, (…) son medidas de sentido común”, sentenzou.
De feito, dixiríndose á cidadanía xeral subliñou que ten o poder na súa man para que as cidades sexan habitables: “Hai unha cousa que se chama voto. Exerce o teu voto ben! Exerce o teu dereito de cidadá a influenciar a outros! Analiza quen ofrece as mellores planificacións urbanísticas!”, salientou.
Neira felicitou a iniciativa da Deputación de crear a Facultade Ágora e reunir especialistas multidisciplinares, para formar a dirixentes e persoal técnico municipal porque “representa un espazo de intercambio de coñecemento para usalo para mellorar a vida da cidadanía”.
Josep Selga: o verde como recurso
O seminario de hoxe sobre ‘Hábitat saudable e biodiverso’ da Facultade Ágora contou tamén coa participación do biógolo Josep Selga Casarramona, que traballou 11 anos no Servizo Municipal de Parques e Xardíns do Concello de Barcelona, co cargo de xefe de Departamento de Arboledo. Desde 2019 é profesor no Máster de Arboricultura Urbana na Universidade Complutense de Madrid, e desde o 2020 codirector do Curso de Posgrao en Arboricultura Urbana da Universidade de Xirona.
Na súa intervención fixo especial fincapé na palabra hábitat e as características que deben cumprir as vilas para que as persoas se desenvolvan en plenitude, poñendo de relevancia a importancia do verde urbano e das árbores como recurso para chegar ás cidades ideais.
Insistiu en que actualmente a maioría de autores están dacordo en que “o futuro da especie humana xógase na casa, non se xoga na Amazonía nin nos parques naturais: xógase ao lado da nosa casa, na nosa rúa, nas nosas prazas”. Neste sentido subliñou que durante moitos anos en España, os Alcaldes e Alcaldesas tiñan presión cidadá para asfaltar porque era un sinal de civilización, mais destacou que “cos anos démonos conta de que non se trata de botar a natureza fóra da vila, senón de que a vila forme parte da natureza. Agora temos coñecementos, técnicas e materiais para facelo dunha forma axeitada, humana, sustentable e con futuro”.
Adolfo Baloira: unha aposta polo aire puro e o exercicio
Adolfo Baloira, médico xefe de neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, está considerado un dos 165 mellores médicos do estado segundo a revista “ Best Doutor Spain”, de Forbes. Coordina a unidade de seguimento creada na área sanitaria de Pontevedra con motivo da pandemia por covid19. Tamén traballa en diversos programas de investigación na UVigo e, é un destacado investigador sobre a enfermidade pulmonar obstructiva crónica ( EPOC). Suma máis de 50 artigos sobre patoloxías respiratorias en diversas publicacións científicas.
Explicou que a nivel respiratorio o máis importante que pode haber nunha cidade é aire puro e facilitar o exercicio. Na súa intervención na Facultade Ágora, falou de como inflúe o aire de boa e mala calidade nas enfermidades respiratorias e como para calquera individuo, más aínda para as persoas que teñen problemas respiratorios, é beneficioso ter lugares para camiñar. Subliñou como a contaminación, e que haxa partículas en suspensión irritantes dá lugar a enfermidades respiratorias e tamén inflúe no contaxio por COVID, xa que algúns casos de maior contaminación están correlacionados con maior incidencia de infección por coronavirus.
Lonxe de indicar a ninguén como ten que facer a súa cidade, Baloira si deixou caer ante representantes políticos e técnicos que o deseño das vilas, inflúe na calidade de vida en relación coa saúde e a supervivencia das persoas a medio prazo. “Hai cidades deseñadas para a saúde e outras que o son para o contrario”, subliñou, engadindo que non queda outro remedio que convivir con coches e situacións que non son saudables, pero hainas que minimizar ao máximo. “Que ti teñas un parque preto, e que poidas ir camiñando e estea cheo de árbores é saudable. Se tes diferentes percorridos ou rutas pola cidade para ir a pé, con diferentes distancias para diversas posibilidades de persoas usuarias, de 30 45 ou 60 minutos, iso sería moi saudable. É un tratamento tan válido como os inhaladores que damos para dilatar os bronquios”, destacou.
As claves para unha cidade ideal, segundo Baloira son: ter un tamaño razonable, humano, ata 100.000 habitantes; dispoñer de zonas chas e peonalizadas onde prevaleza o camiñar sobre o coche; moito espazo verde, porque mellora emocionalmente a calidade de vida e mellora a calidade do aire; e intentar que non haxa exceso de polución na medida do posible, que as fábricas e os seus irritantes non estean preto das aglomeracións humanas.
Isabel Aguirre de Úrcola: vilas e cidades pequenas teñen moito que dicir
Arquitecta, foi profesora da Escola de arquitectura da UDC 17 anos. Dirixiu a Escola Galega de Paisaxe da Fundación Juana de Vega, desde a súa fundación en 2008 ata o 2020, ten o Premio Nacional de Arquitectura Manuel da Dehesa polo Parque de Bonaval, o Premio Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico AADIPA pola Contorna do Mosteiro de Caaveiro, o Premio María Josefa Wonenburger á Ciencia e a Tecnoloxía, e a Medalla Castelao pola súa traxectoria profesional.
Na súa intervención na Facultade Ágora Aguirre plantexou o que acontece no campo fronte á cidade, sendo o primeiro saudable, biodiverso e onde a cidadanía pode desenvolver a súa vida con garantía, fronte as cidades convertidas en “agresión á vida común” por ser lugares de tráfico. “Estamos de acordo en que hai que controlar os coches, pero hai que dar un paso máis. Ese paso máis inclúe introducir nas cidades as infraestruturas verdes”, insistiu
Fixo unha chamada a entrar en razón a aquelxs que aínda son escépticos co modelo. “Non hai máis que ir ver as cidades onde xa se conseguiron beneficios”, dixo, subliñando que as cidades e vilas pequenas teñen moito que dicir á hora de aplicar os modelos sustentables. “Ao final é unha pura satisfacción para todos. Se os Alcaldes soubesen a cantidade de votos que dá poñer verde nas cidades estarían todo o día plantando árbores”.
A iniciativa da Facultade Ágora, finalizou de Úrcola, “é fantástica porque técnicos e políticos son os que teñen as ferramentas para aplicar os modelos máis avanzados. A poboación pódeos reclamar, pode demandalos, sufriraos e gozaraos, pero é o persoal técnico quen ten que concienciarse de todas estas cuestións, e deben aprender e ver a necesidade de realizar a infraestrutura verde”, salientou.
Alerta