Novo programa para os profesioanis do deseño que impulsa a súa colaboración coas empresas galegas

Compartir

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá no Galicia Design Weekend para presentar diante dos profesionais do sector o novo Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 (Diferenza), unha aposta da Xunta de Galicia para impulsar a transformación social e económica a través da creatividade e do deseño como axentes de cambio.

Segundo expuxo Argerey no relatorio celebrado na sede da Fundación Barrié na Coruña e retransmitido en liña, o novo programa terá cinco accións estratéxicas: a construción sólida dun ecosistema galego de deseño e innovación; a posta en marcha de grupos multidisciplinares de cocreación para conectar ciencia, tecnoloxía e arte; liñas de financiamento para o deseño de novos produtos, servizos e modelos de negocio; a visibilidade das empresas e profesionais que apostan polo deseño, a innovación e a sustentabilidade como motores de competitividade económica e benestar social; e a configuración da Rede Internacional de Profesionais do Deseño Galego.

A directora de Gain detívose nunha das primeiras actuacións postas en marcha no marco deste programa: a segunda edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño, que busca recoñecer a contribución de profesionais e empresas ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño. A convocatoria deste certame está aberta ata o 13 de outubro, polo que Argerey animou aos asistentes a presentar as súas candidaturas, especialmente nas tres categorías destinadas a recoñecer os profesionais e empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e ás compañías que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como motor de innovación e competitividade.

Patricia Argerey tamén referencia á liña de axudas DeseñaPeme, que concederá nas vindeiras semanas os primeiros apoios económicos a pemes galegas para que incorporen o deseño na súa estratexia empresarial como elemento de competitividade e innovación. A convocatoria, que pecha o vindeiro luns, está a rexistrar un volume moi elevado de propostas. A previsión é poder apoiar 50 proxectos a través dun investimento de 1,5 millóns de euros, con axudas que oscilan entre os 5.000 e os 100.000 euros.

O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 dá continuidade ao traballo que vén desenvolvendo a Xunta desde 2018 para incorporar o deseño ao mundo empresarial e poñer en valor a figura dos profesionais impulsando a posta en marcha do mapa de provedores de servizos de deseño; unha plataforma en liña con imaxes sobre a historia do deseño en Galicia; proxectos pilotos sectoriais, así como encontros e publicacións sobre o tema, entre outras actuacións.

Festival pioneiro.

O Galicia Design Weekend é un festival de deseño pioneiro na comunidade, que se está a desenvolver na Coruña entre hoxe e mañá cun formato híbrido, presencial e en liña, e que reúne a figuras de referencia do deseño galego e da esfera internacional. O evento conta cun consello asesor formado por profesionais de referencia de Galicia e está organizado pola axencia Follow e o Clúster da Comunicación de Galicia, coa Asociación Galega de Deseño (DAG) como socia.

As institucións patrocinadoras son a Xunta de Galicia, a través do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022 e da colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain), o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña e a Deputación da Coruña. Tamén colaboran co festival a Fundación Barrié, a Fundación Luis Seoane, a Fundación DIDAC, Studio Follow, o FAD, DICE, Verde e Miraveo.