O Alcalde de Barro reúnese coas empresas da zona de Sequeiros, para buscar solucións aos seus problemas de saneamento

Compartir
Reunión Sequeiros. Fonte: Concello

O Alcalde de Barro, Xosé Manuel Fdez. Abraldes, reuniuse coas
empresas do polígono privado de Sequeiros e con representantes de
empresas e edificacións situadas neste entorno, que lle trasladaron a
deficiencia do sistema de depuración dos que dispoñen na actualidade coa
intención de buscar solucións a esta problemática.

O polígono privado de sequeiros dispón dun sistema propio de
depuración de augas residuais que no futuro se pode manifestar como
insuficiente diante dalgunha actividade nova que se puidese instalar neste
polígono.

Os propietarios de outras edificacións e empresas das inmediacións
do polígono tamén están tendo problemas cos seus sistemas de depuración
propios, o cal os leva a buscar unha solución definitiva para o tratamento
das súas augas residuais.

No encontro, Abraldes informoulle da planificación municipal para a
mellora do servizo de saneamento coa construción dunha nova EDAR
central, que dea servizo ás parroquias que actualmente carecen de rede de
saneamento, mais esta nova estación de tratamento non suporá unha
solución nin a curto nin a longo prazo para este polígono privado e as
edificacións anexas.

Para o Goberno municipal, e así llo trasladou o alcalde, a solución
máis viable para esa zona é a derivación das augas residuais cara a
depuradora de Pontevedra, e Abraldes comprometeuse a facer as xestións
necesarias diante do Concello de Pontevedra, para ver a posibilidade de
utilizar a súa rede de saneamento, e diante tamén de e Augas de Galicia
para utilizar a EDAR que a Xunta xestiona na Ría de Pontevedra.

Se a resposta a estas solicitudes fose positiva, o Concello de Barro
comprométese a asumir a redacción dun proxecto que as empresas
mostraron disposición de financiar e de buscar axudas económicas doutras
administracións, para poder executalo e acadar así unha solución definitiva
aos seus problemas de saneamento.