O BNG cualifica de “decepcionantes e insuficientes” os Orzamentos Xerais do Estado para Vigo

Compartir
Nestor Rego. Fonte: BNG

Xabier P. Igrexas: “Estamos diante dunhas contas que insisten en máis do mesmo, en deixar na gabeta proxectos importantes e sen dar resposta ás necesidades da maior cidade de Galiza”.

A fronte nacionalista comprométese a esixir unha “mellora substancial” dos investimentos estatais na cidade.

 

O Bloque Nacionalista Galego vén de realizar unha primeira valoración do proxecto de novos Orzamentos Xerais do Estado, (OXE), para o vindeiro exercicio 2022, en relación aos investimentos previstos para a cidade de Vigo.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou estas contas de “decepcionantes e insuficientes para a maior cidade de Galiza”, denunciando que as partidas previstas non atenden as necesidades reais da cidade e continúan a postergar proxectos e actuacións imprescindíbeis.

Igrexas criticou que o Goberno español volva “deixar na gabeta” cuestións como a autovía entre Vigo e Porriño, a saída Sur de alta velocidade ou a prometida biblioteca do Estado. Aliás, denuncia a falla de compromiso para potenciar o aeroporto de Peinador e a ausencia de medidas para enfrontar a grave crise industrial que azouta Vigo e a súa área.

No concreto, cualificou de “insultante” a partida recollida para o novo ramal da A-52 até O Porriño, de apenas 100 mil euros cando o proxecto está estimado en 330 millóns. “Trátase xa non dunha cuestión chave para mellor a mobilidade a nivel metropolitano senón unha urxencia no ámbito da seguridade vial”, enfatizou.

O portavoz municipal nacionalista advertiu tamén de que o incremento nominal na partida destinada á conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto, a denominada Saída Sur, non desbloqueará o seu desenvolvemento que fica “entrampado inda na elaboración dun novo estudo informativo, que concluirá a finais de 2022, despois de que o desleixo dos sucesivos Gobernos españois fixese caducar o anterior. Desde o Bloque reiteran a “importancia absolutamente estratéxica” da saída Sur que debe ser a “verdadeira prioridade na conexión de alta velocidade de Vigo”.

Igrexas lamentou tamén que o executivo de PSOE e Unidas Podemos non atendese a petición do BNG, reiterada nos últimos meses e anos, de poñer en marcha un verdadeiro Plan de Dinamización de Peinador con medidas concretas e tamén compromisos orzamentarios para o seu financiamento e que atenda cuestións como a mellora dos acceso á terminal viguesa, a súa conexión intermodal, a apertura as 24h ou o aproveitamento das súas potencialidades no transporte de mercadorías. Pola contra, a previsión de investimentos do xestor aeroportuario é “exigua”.

Outro dos aspectos máis preocupantes, en opinión das nacionalistas, da proposta de OXE é que non inclúe ningunha medida concreta para intervir na grave situación de crise industrial que atravesa a cidade. “O devalar produtivo continúa avanzando en Vigo e a súa área, con actividades estratéxicas como o naval nunha situación límite e coa automoción enfrontando importantes dificultades, e non podemos entender que o Goberno español se sume á Xunta de Galiza na súa política de brazos caídos”, reprochou Igrexas, lembrando que o BNG xa demandaron nos anteriores orzamentos un Plan de Reactivación Produtiva e Industrial para a comarca viguesa.

En relación á biblioteca do Estado en Vigo, xulgan “insultante” a redución á metade da partida xa prevista neste 2021. “Xa podemos bautizar a nova biblioteca como a do conto da leiteira de Abel Caballero, porque levamos máis dunha década de anuncios, de promesas, de partidas orzamentarias que veñen e van, que suben e baixan, pero Vigo segue sen esa dotación”, ironizou Igrexas.

Desde o BNG esixirán unha mellora substancial da proposta orzamentaria para lograr uns presupostos que estean á altura das necesidades de Vigo, da súa área e do conxunto de Galiza, tal e como anticipou o deputado e portavoz no Congreso, Néstor Rego.