O ciclista Gustavo César Veloso súmase ao día sen coche para animar á rapazada á desprazarse en bici

Compartir

O ciclista Gustavo César Veloso asistirá mañá pola tarde á segunda xornada da actividade de urbanismo táctico “Os nenos pintan a rúa” organizada polo Concello de Vilagarcía no marco da Semana da Mobilidade. A intervención de Veloso faise coincidir coa celebración do Día Mundial sen Coches para que o deportista de Bamio sirva de exemplo aos asistentes e os anime a subirse á bicicleta, non só para facer deporte, senón tamén para os desprazamentos habituais pola cidade e polo simple pracer de andar en bici. Ademais, incidirá nos beneficios que ten recorrer ao vehículo a pedais en lugar de aos de motor, tanto na propia saúde das persoas, que se exercitan e manteñen en orma, como para saúde medioambiental, ao contribuír a reducir os niveis de emisións de gases na cidade.

A de mañá será a última xornada dos actos conmemorativos da Semana Europea da Mobilidade que este ano leva por lema “Pola túa saúde, móvete de forma sostible”. Enlazando co lema das Cidades que Camiñan -rede de cidades á que Vilagarcía está adherida- que elixiu como lema nesta edición “A rúa, a continuación da túa casa”, lévase a cabo a actividade de urbanismo táctico para dinamizar e chamar a atención sobre unha rúa recentemente peonalizada para o uso e disfrute das persoas, como é o tramo da Avenida da Mariña que discorre en paralelo á Praza da Peixería-. Alí, dende hoxe, os nenos e nenas de Vilagarcía están a colorear con xiz o “comecocos” xigante deseñado a modo de circuíto con iconas relacionadas coa mobilidade sostible. Tras a actividade de hoxe, o Concello pintará con materiais duradeiros o circuíto para que permaneza e anime aos cidadáns á recuperar o espazo público para xogar no comecocos xigante ou simplemente para pasear.