O Concello adxudica a redacción do proxecto arquitectónico de reforma do pavillón de Fontecarmoa

Compartir
Pavillón. Fonte: Concello

Previamente se elaborou unha auditoría enerxética e se redactaron os proxectos das instalacións fotovoltaicas, eléctricas e de climatización

O conxunto das melloras a realizar permitirá elevar á categoría “A” o nivel de eficiencia enerxética das instalacións deportivas, conforme aos obxectivos da Axenda 20-30

Concello e Secretaría Xeral para o Deporte colaborarán para financiar as obras mediante a firma dun convenio

 

A demandada e necesaria reforma do pavillón polideportivo número 1 de Fontecarmoa está cada día máis preto de facerse realidade. Tras o acordo acadado en febreiro polo Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte para financiar a actuación, o executivo local dá esta semana un novo paso coa adxudicación da redacción do proxecto básico e de execución das obras, documento que se axustará ao resultado da auditoría enerxética e aos proxectos das instalacións fotovoltaica, eléctrica e de climatización, encargados previamente e que permitirán que a renovada infraestrutura deportiva cumpra os compromisos da Axenda 20-21, e suba catro niveis na escala de eficiencia enerxética, pasando a situarse na categoría “A”.

O proxecto a adxudicar o luns na Xunta de Goberno Local, é o correspondente ás obras de reparación da estrutura, substitución da cuberta, mellora de envolventes e acondicionamento interior do pavillón 1 de Fontecarmoa. Inclúe tamén os estudos de seguridade e saúde das obras e encargarase ao arquitecto Iago Fernández Puentes, por importe de 13.900 euros.

Trátase pois, da parte arquitectónica da actuación, que necesariamente ten que ser o último en elaborarse, xa que deberá axustarse ás necesidades detectadas na auditoría enerxética, e prever as medidas fixadas para evitar os problemas que se rexistran dende hai anos, no pavillón construído hai 40 anos e que dificultan a práctica deportiva, como son os da humidade e condensación ambiental por falta de ventilación e unha axeitada climatización.

En base á auditoría enerxética e aos proxectos redactados por Mondelo S.L., o da obra incluirá a revisión e arranxo da estrutura de formigón, e das cerchas de aceiro da cuberta, que se substituirá na súa totalidade. Tamén se preverá a mellora das envolventes introducindo illamentos, e un sistema de fachada ventilada, así como a instalación de novas carpinterías. Por último, abordará o acondicionamento interior dos aseos e vestiarios situados baixo a grada, e a contorna da pista deportiva.

O proxecto definitivo será o que determine o orzamento exacto das obras que, segundo a estimación previa realizada polos técnicos, podería superar o millón e medio de euros dada a ambiciosa actuación que se pretende levar a cabo para adaptar o pavillón principal de Fontecarmoa ás esixencias do século XXI, tanto en materia enerxética, como ás relativas á realización da práctica deportiva dunha instalación que, ademais da actividade dos clubs municipais, acolle eventos deportivos de ámbito nacional e incluso algúns nos que participan equipos internacionais.

Como xa se dixo, a obra financiarase a través dun convenio de colaboración a asinar entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte. Segundo a última visita a Vilagarcía realizada polo secretario, José Ramón Lete Lasa, a Xunta comprometíase a financiar a terceira parte da obra. O convenio asinarase unha vez concretado o importe exacto da actuación.

Para ir adiantando, o Concello xa reservou nos orzamentos municipais deste ano unha partida de 800.000 euros para a obra e, en caso de precisarse máis cartos, recorreríase aos fondos europeos nos que participa Vilagarcía a través das EDUSI.