31 agosto, 2021
A cativada de entre 3 e 12 anos, gozou dun verán ateigado de actividades lúdicas durante os meses de xullo e agosto
Ana Isabel Otero, Concelleira de benestar social, participou este martes na clausura do programa e entrega de medallas
Ana Isabel Otero, Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Xosé Leal, Edil de Cultura e Ensino, e Alberto Moital, Concelleiro de Patrimonio, Arquivo e Bibliotecas, participaron hoxe no acto de entrega de medallas que serviu como clausura deste programa, que ofreceu unha alternativa de lecer para a cativada, e favoreceu a conciliación laboral e familiar.
O Concilia Bueu acolleu a un cento de nenos e nenas e, por segundo ano consecutivo, o Concello asumiu o custe total, polo que o programa foi de balde para as familias. A Edil Nacionalista salientou que “dende o Concello somos conscientes de que estes dous anos da Covid-19 foron complicados, e queriamos continuar coa nosa aposta polas políticas sociais”.
Así, o mes de xullo, as actividades foron dirixidas pola empresa de tempo libre Risotadas, e a rapazada puido gozar de xogos relacionados coa lectura. Baixo o lema de “Un verán de conto”, os e as participantes realizaron unha viaxe polo mundo a través dos contos, aprendendo sobre costumes de lugares, xogos e pasatempos, tradicións e lendas, paisaxes e comidas.
Pola súa banda, no mes de agosto, o Bueu Atlético Balonmán foi o encargado de dirixir as actividades, que xiraron arredor dos Xogos Olímpicos, protagonistas deste verán. As actividades desenvolvéronse en grupos reducidos e diversos espazos como o CEIP A Pedra, a piscina municipal das Lagoas, ou o Pavillón Municipal de Deportes Pablo Herbello, aínda que se priorizaron os lugares abertos debido á Covid-19.
Alerta