O Concello de Oia investirá este ano 131.000 euros, na adquisición de varias parcelas nos arredores do Mosteiro

Compartir
Compra parcela aparcamento. Fonte: Concello

O Concello de Oia dá os primeiros pasos na súa aposta pola mellora da mobilidade no contorno do Mosteiro, e o casco histórico do Arrabal, mediante a adquisición de varios terreos situados nas inmediacións, co obxectivo de destinalos a zonas de aparcamento disuasorio

 

Tendo en conta que todos os anos, principalmente en época estival, se producen aglomeracións de vehículos, que afean e xeran problemas de tráfico neste entorno único e de gran valor patrimonial, por onde tamén pasa o Camiño Portugués da Costa, a dotación de aparcamentos disuasorios contribuirá a aliviar a circulación, e liberar espazos como a Eira do Convento e arredores.

A alcaldesa, Cristina Correa, vén de dar este martes o primeiro paso para esta transformación coa formalización da compra-venda ante notario, da parcela de aparcamento que ata o de agora tiña en aluguer, de aproximadamente 1.709 metros cadrados de superficie, e situada na rúa do párroco D. Claudio Rodal Fandiño. Coa parcela xa en propiedade, o Concello poderá elaborar un proxecto que permitirá o seu máximo aproveitamento.

Ademais, nos próximos meses adquiriranse dúas parcelas máis, de aproximadamente 1.772 metros cadrados de superficie e situadas a continuación da recén mercada, para destinalas con carácter inmediato á ampliación de aparcamento. Posteriormente, cando a modificación das Normas Subsidiarias actualmente en redacción, entre en vigor e permita o cambio de uso, este novo espazo destinarase a parque infantil, unha dotación moi necesaria e demandada pola veciñanza, ao non haber ningún equipamento deste tipo na parroquia de Santa María de Oia.

A adquisición dos tres terreos suporá un investimento total de 131.000 euros, cantidade que se financia a través do Plan Concellos do ano 2021 da Deputación de Pontevedra.

Cristina Correa avanza que, ademais de traballar na compra destes tres terreos, o Concello tamén está a manter conversas cos propietarios de parcelas lindeiras, co obxectivo de chegar a consensos. Segundo apunta, estes novos acordos posibilitarían “unha mellora notable para o futuro de Oia”.

A Alcaldesa lembra que a aposta pola adquisición de terreos, é manifesta tamén noutras parroquias, xa que “ter a propiedade permitirá ao Concello optar a subvencións para abordar proxectos máis ambiciosos, que redunden nunha mellor calidade de vida da veciñanza”.

 

Mellora do acceso ao embarcadoiro

Por outra banda, a Rexedora local estase a poñer en contacto cos propietarios das parcelas, que lindan coa Rúa do párroco D. Claudio Rodal Fandiño en relación a actuación, “Mellora do acceso ao embarcadoiro”. Trátase dun proxecto redactado pola Deputación de Pontevedra, que permitirá ensanchar a rúa para habilitar dous carrís de vehículos, e unha senda peonil. Para poder levalo a cabo precísase da cesión de terreos.

A Alcaldesa iniciou os contactos con estes veciños para explicarlles en que consiste este proxecto, e a súa afección, así como a importancia do momento actual: “Preséntanse no horizonte oportunidades cos fondos europeos que non se deben desaproveitar”, conclúe Correa.