O Concello de Ribadumia abarata os recibos da auga

Compartir
Grifo. Fonte: Concello

Estes días estanse a emitir os novos recibos da auga no Concello de Ribadumia, correspondentes ó 1º semestre do ano 2021, que suporán, na maioría dos casos, un aforro con respecto ós anteriores.

 

No anterior recibo establecíanse 2 tramos de pago na recadación municipal: o primeiro por consumos de ata 90 m³ (polo que se pagaban 20,70 € máis IVE, independentemente dos m³ consumidos) e o segundo por consumos de máis de 90 m³ (polo que se pagaban 0,34 céntimos/ m³). A estes sumábanse (e continúanse sumando) os cargos establecidos pola Xunta no ano 2012: o canon da auga e o coeficiente de vertedura.

Trala entrada en vigor do novo Regulamento do servizo de abastecemento de auga potable do Concello de Ribadumia, aprobado por proposta do equipo de goberno no Pleno do 5/11/2020, unha das súas novidades, con repercusión positiva nos petos dos veciños e veciñas de Ribadumia, é que só se paga pola auga efectivamente consumida, establecéndose no novo regulamento tres tramos:

O primeiro tramo, para consumos de ata 90 m³, cun custo de 0,19€ por m3.
O segundo tramo, para consumos de entre 91 e 150 m³, cun custo de 0,34€ por m³.
Finalmente, o terceiro tramo establécese para consumos de máis de 151 m³ e terá un custo de 0,50€ por m³ de auga consumida.

Con esta medida perséguese principalmente o obxectivo da concienciación do uso e consumo responsable da auga, dado que se pagará pola auga efectivamente consumida, á vez que se consegue rebaixar o recibo para a maioría das familias: por poñer un exemplo, un fogar cun consumo medio de 70 m3 de auga, pagou no último semestre de 2020 un importe de 20,70 € máis IVE na parte municipal (sen incluír os canons); a partir deste ano, o importe a pagar é de 16,61 € máis IVE, (13,30 € de consumo + 3,31 € de mantemento de contadores), o que supón un importe aforro na factura anual da auga municipal á vez que favorece indirectamente a aqueles que fan un consumo responsable dun ben tan valioso como é a auga.

Mantense así o compromiso deste equipo de goberno de non só non incrementar a carga impositiva ós veciños e veciñas de Ribadumia, senón incluso de rebaixala nos casos en que é posible facelo.