O Correlingua reivindica en Bueu a inmunización co Galego

Compartir
O Correlingua. Fonte: Concello

O Centro Social do Mar de Bueu acolleu este venres pola maña o Correlingua 2021, que se adaptou a un formato máis reducido debido ás restricións da Covid-19. 

O artista Fran Rei foi o encargado de ler o manifesto deste evento de reivindicación da lingua galega, que se acompañou con maxia e unha actuación rockeira a cargo do grupo Música Miúda.

 

Baixo o lema de “Inmunízate co galego”, o manifesto deste ano, elaborado polo IES Muralla Romana, apela á defensa do galego fronte ás linguas maioritarias, á cultura dominante, aos prexuízos lingüísticos e á exclusión social. O texto reclama que nos vacinemos “fronte á vergoña, a intolerancia, a ignorancia e o rexeitamento”, e Rei tamén fixo fincapé na protección que todas e todos debemos facer da lingua propia.

Ao auditorio municipal bueuésa acudiron de forma presencial máis de 150 persoas do CEIP Plurilingüe A Pedra, mentres que os demais colexios da comarca puideron seguir o evento en directo dende a canle de YouTube do Correlingua. Ao remate do mesmo, Agustín Gallego, concelleiro de normalización lingüística de Bueu, salientou que “é moi importante contar con actividades para que a rapazada coñeza dende as idades temperás a realidade do galego e fomentar o seu uso, algo que adquire maior relevancia nos tempos que corren, cando a perda de falantes é moi alta”.

 

O Correlingua. Fonte: Concello

 

O Correlingua é un proxecto de sensibilización sobre a lingua galega para a infancia e a mocidade, que organiza A Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG Ensino e a Asociación Sociopedagóxica Galega, coa colaboración doutras administracións públicas.

O acto completo pode verse na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=JyD7gUR_XwQ