O día 23 remata o prazo para a regularización dos vaos municipais

Compartir

O Concello lémbralle á veciñanza que o 23 de outubro remata o prazo para a regularización dos vaos municipais

O proceso de regularización, entra na súa recta final, coa gran maioría dos expedientes de actualización resoltos

O Concello quere facer un chamamento aos administradores de fincas e comunidades de propietarios, donos maioritarios dos vaos pendentes de documentación ou mesmo da solicitude de renovación

 

En febreiro de 2018 o Concello aprobou en Xunta de Goberno Local o procedemento de revisión dos vaos municipais. Naquel intre, existía unha casuística moi variada de vaos na cidade —vaos con licenza pero que non pagaban, outros que pagaban pero que non tiñan autorización e mesmo que nin pagaban, nin tiñan autorización, mais si tiñan posta un sinal de vao—, polo que o Concello procedeu coa revisión a través dun traballo de campo «inxente», tal e como sinalou en rolda de prensa a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Villaverde, e administrativo de unificación de bases de datos, até o inicio dun total de 1.830 expedientes.

Coa aprobación do ano pasado da Mobilidade Amábel, estableceuse unha moratoria para a resolución de todos os procedementos dun ano. Na práctica, significa que o 23 de outubro deste ano, en pouco máis dun mes, este proceso rematará e a partir dese intre só serán efectivos ou terán licenza os vaos que foron regularizados coa sinalética homologada polo Concello de Pontevedra.

Destes 1.830 expedientes, foi feita unha estimación de 1.400 placas a colocar, e están pendentes de notificación 315 expedientes, algúns deles de imposíbel notificación —non hai propietario coñecido, por exemplo—, e tamén 297 expedientes notificados pendentes de que os propios interesados soliciten a renovación. Doutra banda, habería 68 expedientes pendentes de documentación requirida. A maioría destes últimos, pendentes de solicitude ou de documentación, pertencen a administradoras de fincas ou comunidades de propietarios.

«Foi un proceso feito de oficio polo Concello», sinalou Eva Villaverde. «Foi o Concello o que comunicou a cada un dos propietarios que tiñan que solicitar a renovación a través dun proceso gratuíto no que non se cobraban as novas placas que houbese que poñer aínda que non estivesen as existentes homologadas. Ademais, tampouco se iniciou ningún expediente sancionador. E por iso a importancia desta rolda de prensa, saír para lembrar que a partir do 23 de outubro, esas placas non homologadas de vaos deixarán de ter licenza, non estarán actualizadas, e polo tanto non cumprirán coa normativa vixente».

Non ter un vao actualizado segundo a normativa terá unha serie de consecuencias para os propietarios. En primeiro lugar, os vehículos que ocupen estes vaos non serán retirados e mesmo poderían ser iniciados procesos sancionadores por ter un vao non normativo ou ter unha sinalética inadecuada. «Lembrámoslles a todos os propietarios, veciños e veciñas, que de teren unha sinalización antiga, procedan a retirala e poñan a nova no caso de que a teñan ou, no caso de non ter o proceso feito, que a soliciten».

Por último, o Concello realizou un chamamento aos administradores de fincas, pois a maioría deses expedientes pendentes de documentación están xestionados por entidades deste tipo. Nese sentido, sería aconsellable que os veciños falasen cos seus administradores para comprobaren o estado dos seus vaos.