O Goberno concreta coa oposición os pregos do contrato da recollida de lixo e limpieza viaria

Compartir
Punto Limpo de Pinar do Rei. Fonte: Concello

Será o último paso antes de elevar o documento ao Pleno e sacar a concesión a licitación.

O novo contrato adecúa a prestación ao crecemento de Vilagarcía, e aos requirimentos medio ambientais e de sustentabilidade marcados pola UE.

Prevé a renovación do parque de vehículos e maquinaria, a substitución dos contedores, a ampliación de servizos existentes e a creación doutros novos.

A xestión do Punto Limpo de Pinar do Rei, a posta en funcionamento do Punto Limpo Móbil, a recollida de residuos orgánicos, ou a limpeza de pintadas son outros das novidades recollidas no prego.

O prezo de licitación achégase aos 5 millóns de euros anuais, e o prazo do contrato será de 8 anos non prorrogables.

 

O complexo procedemento para renovar a concesión dos servizos de limpeza viaria e recollida de lixo no Concello de Vilagarcía entra na súa última fase. O Goberno Local xa ten rematado o borrador dos pregos e hoxe mesmo convocou para a vindeira semana unha xunta de voceiros para ultimar o documento cos grupos da oposición aos que, xa no mes de abril, se lles adiantara copia da documentación. Os pregos pretenden dar cobertura a todas as necesidades actuais que presenta Vilagarcía, e con previsión de futuro, por iso inclúe moitas máis prestacións que as existentes ata o de agora co obxectivo de garantir un servizo completo e de calidade.

Finalmente, e tras as consultas técnicas realizadas, o Concello decidiu unificar nun mesmo contrato os servizos de recollida de lixo e de limpeza viaria, ao terse demostrado pola experiencia doutras cidades que, ademais de reducir custes, resulta moito máis operativo que unha mesma empresa se encargue de ámbalas dúas tarefas. Por iso tamén se inclúe a xestión do Punto Limpo de Pinar do Rei.

 

Adaptación ás necesidades actuais e aos requirimentos Europeos

Os novos pregos elaboráronse en base aos estudos de necesidades realizados previamente, xa que a intención é que dean unha resposta eficaz ás demandas creadas polo crecemento de Vilagarcía, á vez que cumprir con todos os requisitos medio ambientais e de sustentabilidade, que marcan as directrices europeas para a xestión de residuos, e que serán de obrigado cumprimento. Por iso, coa nova xestión mellorarase a calidade do actual servizo, elevaranse os índices de reciclado e recuperación de residuos, e lograrase unha limpeza viaria máis eficaz e de maior calidade, aspectos todos moi demandados polos veciños de Vilagarcía, e aos que se pretende atender debidamente con este prego.

Coa necesaria reserva que hai que manter ata que os pregos sexan aprobado polo Pleno, pódense avanzar as liñas xerais do contrato que leva por título, “Contenerización, recollida e transporte de residuos, xestión do Punto Limpo, e limpeza viaria de Vilagarcía de Arousa”.

No que se refire á recollida e transporte de residuos, a primeira mellora que conleva o novo contrato é a renovación de todo o parque móbil necesario para as labores de recollida e transporte do lixo, incluíndo vehículos específicos para cada tipo de residuo. Tamén se renovarán todos os contedores do municipio, optando nos centros urbanos polos de carga lateral (que conlevan un proceso máis mecanizado e axiliza o traballo, e permiten unha maior capacidade de almacenamento), mentres que no rural serán de carga traseira. A renovación dos modelos tamén implicará a reubicación en moitos lugares, a efectos de facilitar os procesos de baleirado por parte dos camións.

 

Orientado á máxima redución e reutilización do lixo

O servizo orientarase á recollida e traslado de todo tipo de residuos sólidos urbanos que se xeren na cidade, (orgánicos, papel, envases lixeiros..), promocionando a separación en orixe para continuar mellorando os niveis de redución, reutilización e reciclado dos residuos. Neste punto cómpre destacar que se crea un novo servizo, en fase piloto inicialmente, para a recollida da fracción orgánica doméstica e biorresiduo forestal. Para optimizar o resultado, tamén se prevé a organización de campañas informativas e de sensibilización.

Ademais da xa mencionada xestión do Punto Limpo de Pinar do Rei, que inclúe novidades como o traslado do refugallo ás plantas de tratamento autorizadas e a recollida de residuos complementarios en mercados e eventos-, o prego recolle a creación doutras tres novas prestacións que se suman á xa existente de recollida de voluminosos: o Punto Limpo Móbil, a recollida de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE´s), e a recollida porta a porta de residuos de cartón comercial.

 

Máis zonas a limpar e atención ao mobiliario urbano

O apartado relativo á limpeza viaria tamén sae moi reforzado co novo contrato ao ampliar o número de zonas públicas e de titularidade municipal nas que actuar e ao incluír como novidades a limpeza de pintadas e graffitis, a de marquesiñas e a retirada de pancartas e carteis colocados fora dos expositores ou espazos autorizados; situacións todas que inciden en detrimento da imaxe da cidade. Por descontado, os pregos recollen tamén o relativo ao baleirado e limpeza de papeleiras, o seu subministro, reparación e reposición.

No apartado de limpeza viaria tamén se prevé a renovación de todos os vehículos e maquinaria destinada a estas labores, así como o incremento das frecuencias de limpeza. Con todas estas novidades, o prezo de licitación do contrato achégase aos 5 millóns de euros anuais e o prazo de validez de 8 anos non prorrogables.

 

Un proceso complexo

Aínda que xa se viñan facendo os estudos de campo dende tempo atrás coa colaboración da consultora medioambiental do Eixo Atlántico, o proceso de redacción dos pregos iniciouse formalmente a partir da aprobación no Pleno de decembro de 2019, da realización da consulta de custes a diversas empresas do sector, un trámite preceptivo para contratos desta envergadura. O procedemento paralizouse, como todo, co Estado de Alarma e as reunións de traballo non se puideron retomar ata outubro de 2020. Dende entón, o Goberno e técnicos Municipais, xunto co asesor medioambiental do Eixo, foron elaborando o borrador do prego que se enviou en abril deste ano á oposición, e que agora tratará de pecharse para elevar ao Pleno. Unha vez superado este trámite o contrato xa se sacará a licitación, un procedemento que, pola envergadura do contrato, se publicitará a nivel europeo, como establece a normativa, o que implica uns prazos de presentación de ofertas máis amplos que os habituais.