14 septiembre, 2021
A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, recibiu no Pazo Provincial a Nadia Bouzas, Javier Otero e Adrián Davila.
Os novos valores do taekwondo vigués e integrantes do club Kae Sport, veñen de acadar os mellores resultados deportivos da historia do club nun ano complicadísimo, marcado pola pandemia, no que conseguiron manter a actividade e os adestramentos.
Durante o acto interviu o Deputado de Deportes, Gorka Gómez, quen destacou que estamos diante de promesas moi sólidas do deporte galego, pois trátase de rapaces que adestran durísimo e teñen capacidade para compatibilizar os estudos co deporte. “Sendo tan novos xa están alcanzando un nivel altísimo na elite do taekwondo mundial”. Ademais, subliñou que este deporte achega “valores de vida”, como o esforzo, o sacrificio e a disciplina e concluíu aplaudindo éxitos como o de Nadia “chegando á final cunha rival turca, á que estivo a piques de vencer; a próxima vez será”.
O seu director do Kae Sport e adestrador, Carlos Álvarez, amosouse emocionado polos últimos resultados deportivos e polas circunstancias nas que chegan: “Levamos 18 meses durísimos, cos rapaces adestrando en garaxes, no monte e na casa e, a pesar diso estamos a vivir o noso mellor ano”. Engadiu que os tres medallistas son rapaces que, a pesar da súa curta idade, adestran cinco ou seis días á semana e todos eles teñen unhas notas excelentes nos seus estudos “porque saben que é moi difícil vivir deste deporte”. “Nunca esquecemos que traballamos con nenas e nenos que, ante todo, deben desfrutar e non perder de vista a importancia dos seus estudos”.
Nadia Bouzas, con 13 anos, vén de proclamarse Subcampioa de Europa cadete, sumando este título aos de Campioa Galega cadete, Campioa de España cadete, bronce no WTE European Multigames e campioa da Copa de Europa. Javier Otero, (15 anos), proclamouse campión da Copa de España junior, sumando o título ao de Campión Galego junior. Finalmente, Adrián Davila, foi bronce no Campionato de España de cadete, resultado que engade ao de Subcampeón Galego cadete.
Os tres tomaron a palabra para agradecer o traballo do seu adestrador e a axuda das/os compañeiras/os, e prometeron seguir esforzándose para conseguir novos éxitos.
Alerta