O paro baixou un 11 % dende xaneiro en Ponteareas

Compartir

A concelleira de Emprego e Formación, Vanesa Fernández, explica que o grupo no que se planifica unha maior actuación é o de mulleres maiores de 25 anos, xa que representa o 62 % das persoas desempregadas.

O paro baixou un 11 % no primeiro semestre do ano en Ponteareas. En xaneiro había 2.046 persoas paradas, e a finais de xullo 1.833, un 8 % da poboación total do municipio. A tendencia é positiva e, se toda vai segundo o previsto, vaise manter coa recuperación económica posterior a COVID.

A concelleira de Emprego, Vanesa Fernández Soage, explica que no Concello acollen con “esperanza” estes datos, pero engade que non se vai deixar de traballar para facer mellorar a situación. “Estamos planificando unha actuación cos grupos de idade que máis paro teñen, as mulleres e os homes maiores de 25 anos”, relata. No mes de xullo había en Ponteareas 1.148 mulleres maiores de 25 anos en situación de desemprego, o 62 % do total, e 609 homes, o 33 % do total.

Por sectores de actividade o de servizos é o que rexistra un maior paro (1.296 persoas), seguido da industria (228), a construción (107), e a agricultura e a pesca (58). 144 persoas aínda non traballaron nunca. O Concello quere lembrar á veciñanza que no Centro de Desenvolvemento Local dispón dun servizo de orientación laboral a súa disposición.