O proxecto Europeo IN4.0 pecha tres anos de traballo para mellorar a competividade do naval, coa súa adaptación ao modelo 4.0

Compartir
Peche in4.0. Fonte: Deputación

Cun orzamento de máis de 2,5 millóns de euros cofinanciados polo programa europeo Interreg, o proxecto foi liderado pola Deputación e contou coa participación de 10 entidades de España, Irlanda, Portugal, Reino Unido e Francia.

Carlos Font subliñou a importancia “de garantir a continuidade dun mercado e un sector, o da industria naval, onde a innovación é un factor clave de posicionamento estratéxico”.

 

O Proxecto IN 4.0 de mellora da competitividade das empresas do sector naval mediante a adaptación ao modelo produtivo da industria 4.0, vén de pechar as súas portas mediante un encontro telemático despois de tres anos de traballo encamiñado á mellora da competitividade mediante a súa adaptación ao modelo 4.0. A Deputación de Pontevedra foi durante estes anos o organismo que liderou esta iniciativa, que contou cun orzamento de máis de 2,5 millóns de € cofinanciados polo programa europeo Interreg, na que participaron dez entidades de España, Irlanda, Portugal, Reino Unido e Francia.

Na súa intervención, o deputado de Economía e Facenda Carlos Font, subliñou a importancia do IN4.0 “para garantir a continuidade dun mercado e un sector, o da industria naval, onde a innovación é un factor clave de posicionamento estratéxico”. Deste xeito, falou das oportunidades que ofrece o modelo 4.0 ás industrias do naval e da importancia da dixitalización e da innovación, “fundamentais para avanzar e ser máis competitivas e competitivos”. Por estes motivos, Font amosou o seu desexo de que a liña de traballo iniciada polo IN4.0 continúe a través dos novos fondos europeos. “Os resultados deste proxecto, asegurou, poden ser o punto de partida doutro cara os anos 21-27. Un proxecto centrado na dixitalización, na innovación, na educación, en minimizar o impacto das industrias no medio ambiente e na inclusión da perspectiva de xénero para conseguir a completa integración da industria no modelo 4.0”.

 

Peche in4.0. Fonte: Deputación

 

Ao longo destes tres anos de duración do IN4.0 elaborouse unha detallada análise da situación da industria 4.0 no naval dende a perspectiva do marketing, da dixitalización ou, entre outros aspectos, dos recursos humanos. Amais, desenvolveuse un completo programa formativo transnacional centrado na xestión da innovación e no modelo da industria 4.0 nas empresas da construción e reparación naval. Segundo Font, o curso, destinado ao alumnado e persoal laboral con experiencia no naval, achegou coñecementos sobre as tecnoloxías 4.0 dispoñibles na industria, as posibilidades que ofrecen e como poden aplicarse á contorna industrial para facela máis competitiva.

Por outra banda, ao abeiro do proxecto europeo, tamén se desenvolveu unha plataforma de e-learning mediante a cal se ofreceron 13 sesións formativas online impartidas por profesionais con ampla experiencia no sector da reconstrución e reparación naval. E impulsouse unha plataforma online para conectar e impulsar a relación entre empresas da industria 4.0, facilitar a implantación deste modelo e crear unha rede de networking.

Finalmente, IN4.0 tamén ten previsto un “Plan de Sustentabilidade e Capitalización de resultados” co obxectivo de difundir as conclusións do proxecto e poñelas en coñecemento de entidades relacionadas co naval que aínda non transitaron cara a industria 4.0. Deste xeito o plan contempla a difusión das actividades realizadas ao abeiro do IN4.0, ben a través de grupos de difusión en redes sociais, da participación activa en webinarios ou da adhesión a plataformas académicas. Tamén a elaboración dun manual co contido das sesións formativas que sirva de libro de texto para institución educativas ou como guía de implantación do modelo 4.0 en pemes e empresas interesadas, e a optimización da plataforma IN4.0 Connect, para impulsar a rede de networking de empresas tecnolóxicas e do naval.