28 octubre, 2021
As profesionais contratadas agora a xornada completa atenden unha media de 50 nenos e nenas de toda a comarca, tendo moitos casos en lista de espera.
O SAT (Servizo de Atención Temperá), da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, que funciona en Tomiño dende o ano pasado, ampliou durante o mes de Setembro o seu horario de atención ao público, que pasa a ser de luns a venres de 09.00 a 14.00 e de 15.00 a 19.30 horas.
A ampliación do servizo, creado co obxectivo de que as familias con fillos ou fillas con dificultades de desenvolvemento, poidan ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse até Vigo, e ao que acoden agora mesmo máis de 50 familias da comarca, foi posible grazas á subvención obtida pola Mancomunidade do Fondo Social Europeo a que, sumada ás axudas dos demais patrocinadores, (Xunta de Galicia, Xacobeo e a propia Mancomunidade), e á entidade prestadora dos servizos Cogami, permitiu contratar ás profesionais de dito servizo a xornada completa.
A coordinadora da unidade, Andrea Álvarez Rodríguez, explica que a subida de horas era necesaria para axilizar a longa lista de espera que teñen desde a posta en marcha do servizo, unhas 70 familias procedentes dos catro concellos integrados na mancomunidade, (A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui).
A unidade comezou a funcionar nos últimos meses do ano 2020. Creada pola Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, o obxectivo da mesma é que as familias que teñan menores con dificultades de desenvolvemento, poidan ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse até Vigo.
O equipo de profesionais que forman o SAT Baixo Miño, (2 psicólogas, unha fisioterapeuta e unha logopeda), ten a súa sede no edificio de Benestar Social do Concello de Tomiño. O servizo está especialmente destinado a familias con fillos ou fillas de entre 0 e 6 anos que precisen o establecemento de pautas e estratexias que promovan a súa normalización, a través de intervencións planificadas por un equipo interdisciplinar.
Alerta