Compartir

A partir do próximo luns a aula da UNED de Vigo acollerá o curso de verán O silencio social como o gran cómplice do machismo. Segundo Carmela Silva:“Sen dúbida vai ser o curso deste verán porque non hai ningunha causa máis xusta nin un deber máis importante que loitar contra o machismo. Hai que rachar cun silencio social moi asentado, que é o sistema”

Como romper o silencio e incluso a complicidade histórica da sociedade co machismo será o obxectivo do curso de verán da UNED, apoiado pola Deputación, que desde o próximo luns, 5 de xullo, acollerá a aula da UNED en Vigo. O curso foi presentado hoxe coa presenza da presidenta provincial Carmela Silva, que impartirá a primeira ponencia, do alcalde de Vigo, Abel Caballero, do director da Uned, Víctor Manuel González, da coordinadora da Aula viguesa, Mª del Carmen Martínez, e do coordinador Jesús Pozo.

O curso contará con relatoras do máximo nivel e desenvolverase ata o mércores 7 centrado na loita das mulleres para por fin ás desigualdades e á violencia. Darase a coñecer o camiño percorrido para determinar cal é a situación actual das mulleres así como as transformacións pendentes para facer realidade a Igualdade entre homes e mulleres. De feito, as ponencias tratarán sobre temas como o percorrido da Lei Contra a Violencia de Xénero ou a infoxicación do feminismo e pecharase cunha mesa redonda.

Para Carmela Silva, sen dúbida, vai ser “o curso” deste verán “porque non hai ningunha causa máis xusta nin un deber máis importante que loitar contra o machismo”. Deixou claro que “hai un silencio social moi asentado, que é o sistema, e hai que rachar con el”. Isto é algo que debemos facer mulleres e homes porque deste xeito “o compromiso social é maior e iso fai que poidamos empezar a darlle algúns golpes ao silencio para que se converta en ruído construtor de igualdade”. A presidenta puxo en valor ás poñentes, “persoas de moitísimo nome e tamén provocadoras, porque hai que ter a valentía de provocar”, e subliñou o “enorme prestixio” dos cursos da UNED que poñen sobre a mesa “debates fundamentais para construír unha sociedade decente e digna”,

O alcalde de Vigo rememorou os valores “da revolución feminista, da igualdade, da educación, da formación…”. Destacou Abel Caballero que “tras bastantes dificultades conseguimos que a UNED chegara a Vigo e hoxe xa temos 13 grados” con preto de mil persoas ligadas a esta Universidade que “conforman un campus propio no centro da cidade”. Por elo anunciou un esforzo conxunto para que teña “máis impulso e presencia”.

Pola súa banda, Víctor Manuel González, puxo de manifesto a boa relación que hai entre as institucións e a Universidade e destacou a temática dos cursos “unha mostra do noso compromiso coa difusión e a posta en valor da Axenda 2030”, en especial “coa igualdade e o feminismo” e “do compromiso coa sociedade, con Vigo e coa provincia”. Para Jesús Pozo, coordinador do curso, “é fundamental falar do silencio que rodea o crime machista porque é o gran aliado. Pensamos en pechar o círculo que comezamos coa Lei Contra a Violencia de Xénero –na que Pozo asesorou en materia de comunicación- cando formulamos que a educación e a cultura son fundamentais para romper este silencio social”. Tamén deixou clara a necesidade de realizar este curso xa que “despois da pandemia resurxiu a violencia machista dunha maneira bestial”.

Serán tres días de intensa formación en igualdade e de loita contra o machismo
O curso O silencio social gran cómplice do machismo comezará o luns 5 de xullo cunha primeira ponencia ao cargo da propia presidenta da Deputación na que falará da axenda feminista pendente “xa que neste momento estamos moi centradas e centrados en temas concretos e a axenda feminista non pode seguir aparcada. Falamos de visibilizar ás mulleres, da loita contra todos os machismos, a brecha salarial, os ventres de aluguer a abolición da prostitución así como de todos os dereitos das mulleres, que teñen que estar no centro da actividade política”. A continuación, María Acracia Núñez, profesora de Dereito Constitucional na UNED, falará sobre a “Evolución do papel da muller na educación española”.

O curso continuará o martes 6 cunha charla titulada “De onde vimos e onde estamos: o percorrido da Lei Contra a Violencia de Xénero” impartida por Encarnación Orozco, primeira delegada especial do Goberno contra a Violencia de Xénero e presidenta do Observatorio Estatal de Violencia sobre a Muller. De seguido, Mercedes Fernández, profesora de Antropoloxía e Feminismo da Universidade de Barcelona, será a ponente de “Para crear o novo”. O mesmo día Lola Álvarez, primeira directora xeral da Axencia EFE, falará sobre “A infoxicación do feminismo?”. Tras ela, Yolanda Cruz e Jesús Pozo, achegarán “O cine na educación para a igualdade. A experiencia do Festival Visualízame”. O curso pecharase o mércores cunha charla sobre “A experiencia do formato Pioneras”, coas xornalistas Nieves Concostrina e Amaparo Castellano, e unha mesa con Lola Álvarez Morales, Nieves Concostrina, Yolanda Cruz López e Jesús Pozo.