1 octubre, 2021
Cincuenta deportistas con diversidade funcional participan na proba na que Vilagarcía estará representada por usuarios de Con Eles.
Os ciclistas sairán por grupos e terán que completar tres voltas ao circuíto establecido.
Entre as 11.15 e as 14 horas só estará permitido a entrada e saída a garaxes nas rúas afectadas.
Vilagarcia acolle o domingo, 3 de outubro, a celebración da Marcha Ciclista Unificada organizada pola asociación Special Olympics. Con motivo desta proba para persoas con diversidade funcional, a Avenida da Mariña e a Rúa Rivero de Aguilar permanecerán pechadas ao tráfico de vehículos entre as 11.15 e as 14 horas do domingo, permitíndose unicamente o acceso a garaxes. Cincuenta deportistas con diferente tipo de minusvalía participan neste evento que promove a igualdade e a integración social de todas as persoas a través do deporte, independentemente das capacidades físicas ou mentais de cada quen.
Os participantes na proba deberán realizar tres voltas ao circuíto que, con liña de saída e meta na Avenida na Mariña, á altura da Praza da II República, discorrerá por esta rúa ata o cruce de Rivero de Aguilar, por onde continuará ata chegar á rotonda do Cavadelo para regresar cara á Avenida da Mariña por diante dos edificio do Xulgado e completar o circuíto.
Os corredores dividiranse en grupos en función das súas características funcionais e a saída organizarase de forma escalonada, esperando a que un grupo remate as tes voltas ao circuíto para dar a saída ao seguinte. Un vehículo de emerxencias irá en cabeza do pelotón que pechará un coche escola e a ambulancia.
A proba comezará ás 11.30 horas e está previsto que remate sobre as 14 horas coa entrega de trofeos. O tráfico reabrirase nas rúas afectadas tan pronto como finalice a marcha.
Con esta marcha organizada polo Special Olympics, Vilagarcía segue poñendo de manifesto o seu firme compromiso cos deportes minoritarios e pola defensa e promoción da igualdade e a inclusión social a través do deporte, tal como reza o propio lema da Fundación Municipal de Deportes do Concello “Deporte para todo/as”. De feito esta é a terceira vez que a cidade acolle a Marcha Ciclista Unificada que se suma aos Xogos de Deportes Minoritarios tamén organizados polo Special Olympics, que xa teñen a Vilagarcía como sede oficial dende hai unha década.
Alerta