Os leóns de Ravella sométense a un tratamento de rexuvenecemento estético

Compartir
Concello de Vilagarcía de Arousa. Fonte: Concello

A restauradora Iria López iniciou hoxe as labores de limpeza e conservación das esculturas animais e das xerras do xardín do consistorio.

 

Co obxectivo de borrar os estragos do paso do tempo, os dous leóns e as xerras que adornan os xardíns da fachada principal do Consistorio de Vilagarcía sométense a partir de hoxe a un tratamento de rexuvenecemento. Como si dunha operación de cirurxía estética se tratase, as labores contratadas á restauradora Iria López consistirán en limpar en profundidade a pedra dos catro elementos, selar pequenas fisuras e retocar a pedra naquelas zonas desgastadas. Deste xeito, ademais de facer que as pezas recuperen o seu antigo esplendor, tamén se garante a súa correcta conservación.

Nunha primeira fase, os leóns e as xerras fumíganse cun produto que facilita a limpeza e a extracción de fungos e líquens adheridos e que, ademais actúa con efectos preventivos. Tras deixalo actuar un día, procederase ao cepillado da pedra para retirar todos os restos do verdín e, xa nunha segunda fase, procederase ao selado de fendas e a corrixir outras imperfeccións causadas polo paso do tempo e á exposición á intemperie.

Esta medida forma parte das actuacións que o Concello de Vilagarcía leva a cabo para recuperar, manter e conservar o patrimonio artístico e histórico da vila e que, dentro deste mesmo paquete, incluirá tamén a restauración da fonte da Praza de Rafael Pazos de Vilaxoán. Por tratarse de elementos incluídos no Catálogo de Bens Municipais e contar coa correspondente protección, os proxectos a realizar foron autorizados pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.