Os Ponteareáns Pablo Cabana, Iria Lemos e Sofía Carballo, deportistas promesas de Pontevedra

Compartir
Pablo Cabana, Iria Lemos, Sofia Carballo e Miguel Bouzó. Fonte: Concello

O Concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, acompañou aos nadadores do Club Natación Ponteareas no recoñecemento que lles concedeu a Deputación.

A natación continúa a deixar recoñecementos para o deporte de Ponteareas.

 

Os nadadores do Club Natación Ponteareas Pablo Cabana, Iria Lemos e Sofía Carballo acaban de ser recoñecidos como deportistas promesas 2021 pola Deputación de Pontevedra. O Ente Provincial anunciou estes recoñecementos, que veñen acompañados dunha bolsa económica, para protexer e impulsar a práctica deportiva, especialmente na mocidade, dos e das deportistas que compiten en altos niveis.

O Concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, non quixo perder “un recoñecemento tan importante para o noso deporte”, e acompañounos ao acto que organizou a Deputación de Pontevedra para recoñecer a todos e a todas as deportistas promesas. “No Concello estamos moi orgullosos de Pablo, Iria, e Sofía, así como do conxunto do Club Natación Ponteareas polo seu traballo, os seus valores, e o seu bo facer como embaixadores da nosa vila”, destacou Bouzó ao tempo que indicou que “este premio é un exemplo máis de que Ponteareas é un dos grandes centros deportivos de Galicia”.

Pablo Cabana é campión de España en diferentes probas e categorías, integrante da selección española de augas abertas, foi ademais o primeiro nadador do Club en obter un récord nacional, mellor marca de España categoría infantil en 3.000 metros libres. Iria Lemos é subcampioa de España infantil en 50,(con mellor marca galega de 15 anos), e 100 metros libres. Ademais de recente medalla de Bronce na etapa final da Copa de España de augas abertas, e de estar convocada para participar nos 5 km na Mediterranean Open Water Cup co equipo español de augas abertas en Chipre. Sofía Carballo é campioa de España infantil de 100 e 200 braza e posúe a mellor marca galega na súa idade (15 anos) en ambas probas.