6 septiembre, 2021
Os Literarios estrearanse en Vigo da man do dramaturgo Ernesto Is, que guiará o percorrido polos espazos da cidade que foron inspiración de distintos autores e autoras
As Rutas de Arquitectura iniciaranse o sábado 18 de setembro, co itinerario por Pontevedra e Poio que estará conducido por Estefanía López
A edición 2021 dos Roteiros Literarios e das Rutas de Arquitectura da Deputación de Pontevedra revalidan a súa excepcional acollida de anos anteriores e arrancarán o vindeiro domingo, 12 de setembro, co cartel de completo para as 225 prazas ofertadas. As rutas literarias se desenvolverán ata o 10 de outubro cun total de cinco sesións noutros tantos concellos, mentres que os sábados será a quenda das catro rutas arquitectónicas, que comezarán o día 18 e finalizarán o 9 de outubro.
Os Roteiros Literarios son desenvolvidos pola Deputación desde o ano 2017 en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), e percorren cidades e vilas que son escenario ou que inspiraron obras literaria. Este ano chegarán a Vigo, Moaña, Salvaterra, Silleda e Pontevedra, ofertáronse 125 prazas, e terán como guías a autores e autoras que toman como base obras propias ou alleas, ambientadas nos respectivos espazos.
O dramaturgo Ernesto Is será o encargado de guiar o primeiro dos percorridos, este domingo 12 de setembro en Vigo, en horario de 11 a 13.30 horas, e que leva por título Roteiro de dramaturxia, cunha camiñada por aqueles espazos que serviron de inspiración ou nos que se ambientan obras de autores como Marta Pérez, Cunqueiro, Valle-Inclán, María Xosé Queizán ou o propio Is.
Posteriormente, o domingo 19 de setembro será o actor, director e dramaturgo Santiago Cortegoso quen ofrecerá en Moaña o paseo titulado O ronco do carneiro, onde contará historias de fuxidos polos montes de Domaio, inspiradas na obra do mesmo título e que falarán dos lugares e das consecuencias da represión franquista na comarca.
Raquel Castro guiará o día 26 en Salvaterra, Versos de auga e viño, con paradas en lugares que evocarán a pegada de Cunqueiro, Manuel Puente e Xela Arias entre outros, mentres que o 3 de outubro a xornalista e escritora Ana Cabaleiro guiará en Silleda Memoria e ficción no relato rural, un roteiro que percorrerá parte do centro urbano da localidade para poñer en valor as pegadas literarias que atesoura.
Alerta