Pontevedra parte rumbo a Serbia cos obxectivos de recoller a testemuña de Belgrado, e abandeirarse como capital internacional da loita

Compartir
Visita de Tino Fernández. Fonte: Concello

Unha delegación do Concello de Pontevedra, encabezada polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, parte rumbo a Serbia cos obxectivos de recoller a testemuña de Belgrado na organización do Campionato do Mundo sub-23 de Loita, que se celebra na urbe balcánica entre os días 1 e 7 de novembro e que a nosa cidade acollerá en outubro de 2022, e abandeirarse como capital internacional da loita.

O edil socialista, que acude como parte fundamental do comité organizador pontevedrés, e que estará acompañado por un técnico do Servizo Municipal de Deportes encargado de tomar boa nota de tódalas necesidades organizativas do evento, pretende arroupar así institucionalmente á Federación Galega de Loita, e a Federación Española de Luchas Olímpicas nunha viaxe que califica como “histórica para Pontevedra e para o deporte galego e español, ao asumir oficialmente o primeiro evento deste nivel que se celebrará aquí, e que o pode ser aínda máis se logramos que a United World Wrestling (UWW), se convenza das nosas capacidades e inmellorables instalacións para albergar tamén o Campionato de Europa Cadete en 2023, e o Campionato do Mundo Júnior en 2024 e, por que non, sendo incluso máis ambiciosos, algunha outra competición internacional en 2025”.

Segundo sinala Tino Fernández, a visita do comité organizador de Pontevedra 2022 durante a celebración do Mundial U23 de Belgrado “permitirá revisar sobre o terreo as características e necesidades da organización, co obxectivo de optimizar a experiencia dos deportistas que visiten a nosa cidade o ano que vén”. Neste sentido, o tenente de alcalde cre que “temos un aval de experiencia na organización de eventos deportivos internacionais do que poucas cidades europeas poden presumir”, e apunta a acadar “unha organización de matrícula de honra no Campionato do Mundo sub-23, que nos permitirá seguir a posicionarnos no calendario da UWW nos vindeiros anos, e dar o paso definitivo como capital mundial da loita”.

 

Visita de Tino Fernández. Fonte: Concello

 

A chegada do comité organizar español a Serbia coincidirá ademais coa Asamblea da Federación Internacional, (a United World Wrestling), onde se valorarán as candidaturas dos países para albergar os diferentes eventos continentais e mundiais, para os anos 2023 e 2024, entre elas as de Pontevedra.

Nesta Asamblea decidiranse tamén os novos rostros do Bureau da UWW, máximo órgano de goberno da Federación Internacional. O comité organizador de Pontevedra 2022 ten previsto reunirse co mesmo, para afianzar as vindeiras candidaturas de Pontevedra e continuar como referente histórico do deporte, por diante de cidades moito máis grandes e coñecidas internacionalmente.

 

A delegación que representa a España, e por ende a Pontevedra, nesta viaxe a Serbia está composta por:

– Francisco Iglesias Senra, presidente da Federación Española de Loita
– José Luis Olazábal Ibars: presidente da Federación Galega de Loita
– Tino Fernández González: tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Pontevedra
– Alexander Kachelaev: técnico da Federación Galega de Loita
– David Pérez Araújo: técnico do Servizo Municipal de Deportes
– Pablo Pintos Figueroa: director técnico da Federación Galega de Loita

 

Fernández, Pintos e Kachelaev recibiron a pasada fin de semana no Pavillón Municipal dos Deportes ao comisario da United World Wrestling (UWW), Pedro Silva, que se achegou ata Pontevedra procedente de Lisboa para coñecer de primeira man a oferta de instalacións deportivas e infraestruturas da nosa cidade. O parecer de Silva terá moito peso para que a nosa cidade e a Federación Española de Loita cheguen a bo porto nas súas pretensións de acoller o Campionato de Europa Cadete en 2023, e o Campionato do Mundo Júnior en 2024, xa que el se encargará de elaborar un informe decisivo para estas candidaturas.

Durante a súa visita, o comisario luso tamén se achegou ata o Recinto Feiral para coñecer o amplo espazo co que se podería contar para a instalación dun servizo de cátering para os deportistas. Dado que este tipo de competicións soen interromperse en horario de 14:00 a 17:00 horas, a Federación Galega e a Concellería de Deportes estiman que sería unha vantaxe contar cun lugar como o Recinto Feiral, nas inmediacións do Pavillón, para evitar que os deportistas teñan que desprazarse aos seus hoteis para almorzar neste tempo de descanso, (moitos teñen que aloxarse en localidades a media hora de distancia como Sanxenxo), ou xantar un snack nas mesmas bancadas do Pavillón no caso de que decidan ficar.