Compartir

O ente dependente da Consellería do Mar emitiu 12 permisos para a ría de Arousa, 11 para a de Pontevedra, oito para a de Vigo, catro na Mariña lucense, dous na Costa da Morte e un na costa ártabra.

Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de outorgar un total de 38 autorizacións para a prestación de servizos de transporte de pasaxeiros de cara a esta tempada estival. Trátase de servizos discrecionais de carácter turístico que potencian a actividade de pasaxe fundamentalmente nas rías galegas. 

A provincia con maior presenza desta actividade será a de Pontevedra, para a que se emitiron 31 das 38 autorizacións. Na provincia de Lugo atendéronse catro solicitudes e na da Coruña, tres. En concreto, por áreas xeográficas, a ría de Arousa conta con 12 autorizacións, a de Pontevedra con 11, a de Vigo con oito, a Mariña lucense con catro, A Costa da Morte con dúas e a costa ártabra con un permiso. 

Por concellos, outorgáronse seis liñas para Portonovo (Sanxenxo), catro tanto no porto de Tragove (Cambados) como en Cangas e tres nos peiraos de Baiona, Bueu, Ribadeo e Vilanova de Arousa. Con dúas autorizacións están A Pobra do Caramiñal, Ribeira e o porto das Corbaceiras, en Pontevedra, en con unha os peiraos do Cabodeiro, na Illa de Arousa, Corcubión, Fisterra, Moaña, Mugardos e Viveiro.

O tráfico de pasaxeiros é unha das actividades fundamentais dos portos galegos xunto coa pesca, o marisqueo, o tráfico de mercadorías e a náutica de recreo. O pasado ano no conxunto dos peiraos autonómicos contabilizáronse 1,6 millóns de pasaxeiros dos que un millón corresponderon á liña de transporte regular entre Vigo e Cangas e 500.000 ás liñas de carácter estacional.