Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas para unha investigación galega sobre a conexión da COVID e a triloxía ‘El Señor de los Anillos’

Compartir
Gañador do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021. Foto: Real Academia das Ciencias
A peza xornalística titulada Ciclodextrina: la conexión entre “El Señor de los Anillos y la pandemia de covid-19”, do xornalista Alberto Quian, publicada o 19 de agosto de 2020 no diario dixital El Salto resultou ser a gañadora dos Premios de Xonalismo Cientiífico Celia Brañas.

O xurado da Real Academia das Ciencias tivo en conta neste traballo xornalístico, publicado nun medio nativo dixital, a oportunidade de facer coincidir unha investigación galega sobre a COVID cun libro e triloxía cinematográfica de éxito como El Señor de los Anillos, o que lle engade atractivo didáctico. Así,  no marco dun xornalismo slow, Alberto Quian recibirá de premio unha dotación de 3.000 euros que irá acompañada dun diploma acreditativo.
Quian afirmou que  “o xornalismo científico ten que seguir gañando protagonismo alén desta pandemia; ten que ser un dos piares para combater estas e outras ameazas, pero tamén a da desinformación”.
O doutor en Investigación en Medios de Comunicación, Premio Extraordinario de Doutoramento, e profesor asociado de Xornalismo na Universidad Carlos III de Madrid e na Universitat Oberta de Catalunya (UOC) confesa sentirse “moi honrado e agradecido” por este premio. “É un honor pasar a formar parte da historia destes galardóns e un inmenso orgullo ver recoñecido este traballo pola RAGC, máis aínda nun ano tan dramático no humano para todas e todos, pero tamén apaixonante, intenso e extraordinario no científico”.
Alberto Quian agradece especialmente a Rebeca García Fandiño o tempo prestado para trasladar ao público, dun xeito orixinal, o traballo que desenvolve o grupo de Química Computacional do CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) da Universidade de Santiago de Compostela e manifesta toda a súa admiración polo traballo destas científicas e científicos.
“Quero salientar que a pandemia da covid-19 só é un dos moitos retos e desafíos para a humanidade. Temos outros tanto ou máis graves que enfrontar desde xa, como a crise climática ou a resistencia aos antibióticos, e moi probablemente, como xa nos está advertindo a comunidade científica, outra pandemia vírica chegará e deberemos tamén estar preparados. Por iso coido que é fundamental que informemos cada vez máis e mellor sobre ciencia, que lle expliquemos aos cidadáns como traballan os científicos, que falemos dos seus éxitos, pero tamén dos seus erros, sobre os que avanza a investigación científica. O xornalismo científico ten que seguir gañando protagonismo alén desta pandemia; ten que ser un dos piares para combater estas e outras ameazas, pero tamén a da desinformación”, asegurou.
Por último, Alberto Quian dedícalle este premio a súa familia e ao catedrático Carlos Elías, da Universidad Carlos III de Madrid, “quen me alumeou polo camiño do xornalismo científico, tamén na docencia, e me animou a presentar este traballo a estes premios”.

Por outra parte, o xurado decidiu outorgar un accésit deste premio ao segundo traballo mellor valorado, a peza xornalística titulada  “Investigación fronte a praga da rata toupa” , do xornalista  Manuel Cruz Rodríguez , emitido o 10 de abril de 2021 no programa Labranza da CRTVG . O xurado valorou que é unha peza xornalística que pon o foco nun problema que afecta economicamente á realidade galega e achega como se está a abordar desde un punto de vista científico para darlle solución. Manuel Cruz  recibirá  de   premio   unha  dotación   de   1.000  euros,  tamén   acompañado   dun diploma   acreditativo.

Manuel Cruz engade que el e todo o equipo que fai o programa Labranza é un orgullo que a Real Academia Galega de Ciencias recoñeza o seu traballo. Explica que desde os seus comezos, hai xa máis de 30 anos, un dos obxectivos prioritarios de Labranza ten sido “darlle voz e axudar a divulgar o traballo calado que tantas investigadoras e investigadores fan a prol do desenvolvemento do agro galego”.

O tamén director dos programas O Agro e Labranza de TVG destaca que este accésit concedido á reportaxe resulta especialmente satisfactorio porque “o mérito dese traballo non é noso, o mérito é do grupo de neuroanatomía da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo” da Universidade de Santiago de Compostela.
“No momento de achegarnos á problemática da rata toupa, o que atopamos foi a un grupo de científicas e científicos que con entrega e dedicación souberon adentrarse nun problema que afecta a cada vez máis gandeiros e agricultores da montaña de Lugo e buscar unha solución innovadora que ademais pode abrir moitas portas a outros descubrimentos futuros sobre o sistema olfativo e vomeronasaldos vertebrados”, aclara.
A RAGC considera que a ciencia e a tecnoloxía teñen actualmente un papel determinante e indiscutible no desenvolvemento económico e o benestar social dun país, polo que comunicar estes achados e as súas aplicacións á sociedade galega é unha prioridade. Así, a Academia asegura que os medios de comunicación poden contribuír dun xeito decisivo a acadar este obxectivo. Para estimular esta vertente xornalística, a distinción Celia Brañas pretende recoñecer actividades de comunicación da ciencia e da tecnoloxía entre os profesionais do xornalismo dos medios de comunicación galegos.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC),   coa   colaboración  da   Xunta   de   Galicia   a   través   da   Axencia   Galega  de Innovación (Gain), celebrou esta sexta edición do  Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021,  que está destinado a galardoar unha peza xornalística de carácter científico ou tecnolóxico.