Redondela. O Concello pon a disposición do comercio local a web MercaNaCasa para darlle visibilidade e contribuír á súa reactivación

Compartir

Merca na Casa permite ao comercio tradicional ter presenza no cada vez máis potente mercado dixital.

Apoiar ao comercio local, darlle visibilidade e contribuír á súa dinamización aproveitando toda a potencialidade das novas tecnoloxías, son algúns dos obxectivos que busca a a web https://mercanacasa.redondela.gal/, posta en marcha pola Concellería de Comercio, que xestiona María Castro.

Con MercaNaCasa o Goberno local quere ofrecer unha vía de entrada, accesible e sinxela, do comercio tradicional ao cada vez máis potente mundo dixital. Dende calquera dispositivo portátil –ordenador de sobremesa, táblet ou smartphone– e a través de menús sinxelos e intuitivos, veciñas e veciños poderán acceder a un completo directorio do comercio ordenado por sectores ou, simplemente, buscar o establecemento desexado polo seu nome.

Unha vez localizado, MercaNaCasa, amais dun vídeo de presentación do establecemento, ofrece ampla información sobre a súa localización, horarios, teléfono ou correo electrónico. “Trátase –explica a concelleira de Comercio– de poñer ao alcance do comercio de proximidade, do noso comercio, unha ferramenta que lles permite aproveitar todas as vantaxes que ofrece hoxe en día a información online”.

Os establecementos adheridos recibirán bolsas de papel e distintivos para colocar na porta e que os distinga como negocios adheridos a MercaNaCasa.

A páxina, a que día a día vanse engadindo novos establecementos, engádese ás iniciativas de apoio ao comercio local que desenvolve o Goberno que preside Digna Rivas e que van dende axudas directas para paliar os efectos da crise provocada pola pandemia, a iniciativas de promoción e apoio ás campañas que habitualmente desenvolve o comercio local.

A alcaldesa Digna Rivas asegura que esta iniciativa “non é máis que reafirmar a nosa aposta polo noso comercio e o compromiso por contribuír á súa dinamización”. A rexedora lembra que Redondela “conta, afortunadamente, cun comercio de proximidade potente e que tense amosado como un dos elementos clave para a dinamización económica do municipio”.

MercaNaCasa contaa con financiamento europeo dos fondos FEDER ao abeiro do programa “Redondela 2020”