Seis prazas aínda dispoñibles para os obradoiros de envellecemento activo da Finca de Briz

Compartir
Concello de Marín. Fonte: Concello

O 3 de novembro iniciaranse os Obradoiros de Envellecemento Activo da Finca de Briz, organizados por Afapo, en colaboración co Concello de Marín.

 

Tal e como adiantan desde a asociación, xa hai 24 persoas anotadas, polo que aínda quedan 6 prazas vacantes, (en total hai 30 prazas que se dividen en grupos de 15 por sesión). Para solicitar información, é preciso chamar á asociación no teléfono 986 842141.

Os potenciais usuarios son persoas a partir dos 55 anos de idade que carezan de diagnóstico de enfermidade neurodexenerativa, debido ao obxectivo fundamental deste obradoiro, que é o de previr e fomentar o envellecemento activo.

As persoas que estean interesadas, pasarán por unha avaliación inicial por parte das traballadoras sociais de Afapo, para coñecer a situación cognitiva de cada un dos usuarios e poder programar actividades de carácter individual que estean adaptadas ao nivel de cada un.

Levaranse a cabo traballos grupais con distintas técnicas que fomenten a cohesión entre as persoas, a sociabilidade, a diversión, o coñecemento mutuo e o traballo en equipo. Ademais, realizaranse exercicios cos que traballar a memoria, a linguaxe, a escritura, o cálculo, a atención, a reminiscencia e outras funcións.
Os obradoiros realizaranse dous días á semana, os luns e os mércores, cunha duración dunha hora e media cada sesión. Cada praza terá un custo de 25 euros, 15 dos cales serán aportados polo Concello de Marín e 10 polo participante.