O porteiro do Celta de Vigo, Sergio Álvarez, doou antonte na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que estivo na Rúa Príncipe.
Sergio Álvarez conta cunha longa traxectoria como doador de sangue e o seu compromiso con este xesto xeneroso e solidario, remóntase hai anos, participando en campañas de sensibilización e información a prol deste xesto solidario.
Neste sentido, lembrar que o pasado 14 de xuño, foi galardoado co gallo do Día Mundial do Doador de Sangue, xa que a sua implicación e colaboración vencellando os positivos valores do deporte co compromiso en favor da doazón de sangue, fomenta a creación dunha cultura solidaria favorable á doazón de sangue na nosa sociedade.
Desde ADOS, queremos, unha vez mais recoñecer, a colaboración de Sergio Álvarez como un referente de prestixio no eido deportivo e social para fomentar o doazón de sangue. Así mesmo, o porteiro do Celta de Vigo quixo convidar á cidadanía galega a participar na iniciativa “Súmate ao noso equipo”, lema baixo o que se desenvolve a campaña de doazón de ADOS durante os meses de verán.
Renovación da base de doantes
Sergio Álvarez salientou a importancia que ten a participación dos máis xóvenes nas campañas de doazón de sangue, xa que deste xeito, se amplía e renova a actual base de doantes de Galicia, aspecto especialmente importante, tendo en conta o envellecemento sociodemográfico da nosa comunidade.
A doazón do porteiro do Celta de Vigo enmárcase nun reto viral en redes sociais para aumentar a participación e que se iniciou o pasado mes de xuño, con motivo da posta en marcha da campaña de doazón de sangue de ADOS “Súmate ao noso equipo” e que contou coa participación do presentador Roberto Vilar. O presentador galego convidou a doar sangue a Sergio Álvarez e Eva Iglesias dentro dun reto que está a promover nas súas redes sociais ADOS e na que convida a todos os doantes a convidar a dúas persoas a doar sangue ao longo dos meses de verán para, deste xeito e dentro desta cadea de solidariedade, acadar unha cifra de 30.000 doazóns de sangue no período estival.
Así mesmo, ADOS convida aos cidadáns a “sumarse” ao equipo solidario dos doantes, nun momento especialmente sensible pola pandemia sanitaria derivada da COVID-19, e poñendo de manifesto que hai moitos doentes nos nosos hospitais que precisan dunha doazón para recuperar un bo estado de saúde. Desde a Axencia, recoñécese e agradécese o compromiso dos doantes de sangue e agarda contar coa súa activa colaboración ao longo dos meses de verán, ademáis convida a todas aquelas persoas que aínda non fixeron unha doazón a que participen e experimentar, de primeira man, a satisfacción que supón saber que están a colaborar na recuperación de moitos enfermos.
Con esta campaña de verán, a máis longa de todas cantas realiza ao cabo do ano ADOS, tentase chegar a meirande parte dos concellos de Galicia e aproximar o solidario xesto da doazón a todos os galegos e galegas. Os desprazamentos previstos ao longo das vindeiras xornadas son as seguintes:
-
DATA
|
DESPRAZAMENTOS
|
Mércores 28 de xullo
|
Praza de España (Ferrol), Ponteceso, Zona Juan Florez (A Coruña), Praza Roja (Santiago), Lousame, Chantada, Ribadavia, As Neves, Bueu e Zona Travesía de Vigo
|
Xoves 29 de xullo
|
Miño, Teixeiro (Curtis), Bº Novo Mesoiro (A Coruña), Portosín (Porto do Son), Brión, Cospeito, A Pontenova, Maceda, Nigrán, O Grove e Tui
|
Venres 30 de xullo
|
Neda. Cee, Urb. Matogrande (A Coruña), Melide, Padrón, Cabo de Cruz (Boiro), Vilalba, o Barco de Valdeorras, Ponteareas e Tui
|
Sábado 31 de xullo
|
Cee, Zona Ultramar (FerrolI), Melide, Padrón, Vilalna e Ponteareas
|
Ademais, ADOS mantén operativos os seus sete locais de atención permanente nas sete grandes cidades galegas para, deste xeito, ofrecer as máximas facilidades e o mellor servizo a todos os doantes de sangue. Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra que esta semana precísase especialmente a colaboración dos doantes dos grupos sanguíneos Cero Positivo, A Positivo e B Positivo.
Requisitos para doar
Os requisitos mínimos para doar sangue son moi sinxelos, simplemente é necesario ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue e un bo estado xeral de saúde.
Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra que pon a disposición de toda a cidadanía a súa web
http://ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico,
doadoressangue.ados@sergas.gal; o
teléfono de información gratuíto 900 100 828; e as súas páxinas en redes sociais como xeito de comunicarse con ADOS ou resolver calquera dúbida relacionada coa doazón.