Últimos días para reservar praza para o concerto gratuíto de Oscar Ibáñez do sábado en Oia

Compartir

O vindeiro sábado 31 de xullo Oscar Ibáñez & Tribo presenta o seu espectáculo “Porteláns” en Oia a través da Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia en colaboración do Concello de Oia.

A cita será ás 21h na Eira do Convento, para a que haberá que reservar entradas a través do correo electrónico cultura@concellodeoia.es, o teléfono 986 362 125 ou na oficina de turismo. O prazo de inscrición remata este venres ás 13.00 horas.

Para este concerto a banda Oscar Ibáñez & Tribo estará integrada por excelentes músicos de longa e recoñecida traxectoria como Sara Formoso (Circo del Sol), acordeón; Paula Gómez (Triguiñuelas, Xosé Liz Cuarteto), violín; Carlos Calviño (Roi Casal), guitarra; Paco Dicenta (Mercedes Peón), baixo; e Carlos Castro (Fía na Roca), batería e percusión. No espectáculo Porteláns colaboran ademais Pepe Romero, Jorge Maño e Adrián García (Banda de Gaitas Suevia), Daniel García e Álvaro Rúa (Banda de Gaitas Nova Era) e a xilofonista Carla Villanueva.

O espectáculo “Porteláns” foi creado especialmente en 2020 para conmemorar o centenario do nacemento do célebre Gaiteiro de Viascón Ricardo Portela. Neste espectáculo Oscar Ibáñez & Tribo percorre o repertorio máis característico de Ricardo Portela dende una perspectiva actual aportando arranxos musicais novos e frescos así como a incorporación os timbres da frauta, o violín, o acordeón, a guitarra, o baixo, a batería ou o xilófono á sonoridade das gaitas e a percusión tradicional, propia e única na estética do cuarteto de gaitas característico en Ricardo Portela.

A actualización deste xeito do repertorio portelán constitúe un importante fito porque é a primeira vez que se realiza un espectáculo monográfico baseado no repertorio de Ricardo Portela. Ademais, permite traer ao noso tempo a música tradicional nun formato moderno e de altísima calidade presentado dun xeito que resulta atractivo para todos os públicos, e que á vez contribúe á posta en valor dun dos máis grandes referentes da gaita galega de todos os tempos.

Oscar Ibáñez

Oscar Ibáñez é un gaiteiro e frautista fascinante que realiza unha fusión musical sen límites partindo das raíces, a medio camiño entre investigación e creación, que ten como resultado un novo e único son. Na súa traxectoria como solista publicou os discos “Alén do mar” (VIR, 2012) e “Aires de Pontevedra” (Inquedanzas Sonoras, 2017) alén doutros traballos de investigación como os libros-CD “Os Montes de Lugo” (Ouvirmos, 2007), “O Quinteto Monterrey” (Dos Acordes, 2009) ou “Xoán Tilve Gaiteiro de Campañó” (aCentral Folque, 2015).

A gran calidade da súa banda de directo Oscar Ibáñez & Tribo foi recoñecida en máis de 200 concertos por toda a Península Ibérica, Bretaña e Italia participando nalgúns dos festivais internacionais máis importantes como: Festival Intercéltico de Lorient (Lorient, Bretaña); Festival Capodanno Céltico (Milán, Italia); Festival Internacional da Máscara Ibérica (Lisboa, Portugal) ou o Festival do Mundo Celta de Ortigueira (Ortigueira, Galicia), entre outros.