V edición de Saltar na Rúa en Pontevedra

Compartir
O director técnico da Sociedade Ximnástica, Santi Ferrer, e mailo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández. Foto: Concello de Pontevedra

Pontevedra prepárase para voar polos aires este sábado coa V edición de Saltar na Rúa

A Ponte do Burgo volverá ser escenario o día 28 a partir das 19:30 horas do espectacular evento organizado pola Sociedade Ximnástica en colaboración coa Concellería de Deportes
Participarán saltadores de primeiro nivel como David Ferrer, Lucía Sánchez, Alfonso Palomares, Alba Cuns, Gerson Vidal, Lola Bouza e Lisa Vosberg, en probas de lonxitude, triplo e pértega
Os mellores saltadores galegos do momento xa están preparados para voar polos aires na espectacular exhibición que ofrecerá un ano máis na nosa cidade o programa Saltar na Rúa, organizado pola Sociedade Ximnástica de Pontevedra en colaboración coa Concellería de Deportes. O evento, que este verán celebra xa a súa V edición e que inicialmente acollía a Praza da Ferrería, volverá desenvolverse o vindeiro sábado 28 de agosto a partir das 19:30 horas, coa finalidade de evitar posibles aglomeracións, nun escenario tan privilexiado como pouco habitual para a práctica deportiva: a Ponte do Burgo, que albergará por segundo ano consecutivo probas de salto de lonxitude, triplo salto e salto con pértega.

O programa deste Saltar na Rúa 2021 foi presentado hoxe na Sala de Prensa do Teatro Principal polo director técnico da Sociedade Ximnástica, Santi Ferrer, e mailo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen destacou “a importancia de que o atletismo saia ás rúas de Pontevedra nunha iniciativa protagonizada por atletas de primeiro nivel que, en datas inusuais no que atinxe ao calendario de competición, xa que a tempada finalizou no mes de xullo, veñen a dar o mellor dos espectáculos na ponte máis antiga da capital do Lérez”. “Trátase dun evento que leva camiño de converterse nun ‘clásico’, pois este é o quinto ano consecutivo en que se celebra, a pesar das restricións e dificultades loxísticas que impuxo esta pandemia. A xente que se achegue á Ponte do Burgo nese día tan marabilloso, xa que é San Agustín, pode estar moi tranquila, que vai desfrutar dun espectáculo con toda a seguridade. Só lles pedimos que poñan da súa parte”, subliñou o edil do PSOE.

 

O director técnico da Sociedade Ximnástica, Santi Ferrer, e mailo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández

Para Fernández, esta iniciativa é “un auténtico espectáculo” que “permite visibilizar o deporte” nun momento fundamental, posto que “recuperar a rúa para facer deporte é un xeito de ir retomando pouco a pouco esa normalidade que tanto precisamos”. En opinión do tenente de alcalde, este evento foi posible porque “a organización corre a cargo dun garante como a Sociedade Ximnástica de Pontevedra, un referente na nosa cidade que non deixa de traballar para o deporte e a súa promoción, a través das súas escolas de atletismo, grupos de adestramento e equipos que participan nas ligas nacionais en pista, así como no impulso doutros eventos deportivos tradicionais como o Medio Maratón e a emblemática carreira de Fin de Ano, a San Silvestre”.

Tal e como apuntou o concelleiro de Deportes, “Saltar na Rúa é outro exemplo máis desa organización e dinamización exemplares, que conta cunha acollida extraordinaria entre a cidadanía e que xa forma parte dese calendario de citas imprescindibles de Pontevedra”.

Campións galegos e de España

Segundo explicou Santi Ferrer, o evento dará comezo ás 19:30 horas coa exhibición de salto de lonxitude, mentres que as de triplo salto e salto con pértega terán lugar a partir das 20:00 e as 20:30 horas respectivamente. Entre os protagonistas destacados desta edición, o adestrador e atleta da Ximnástica destacou os seguintes nomes: “en lonxitude estarán David Ferrer (pertencente ao club pontevedrés), actual campión galego absoluto, e Lucía Sánchez del Valle (Escola Atlética Lucense), campioa de España de probas combinadas en categoría sub 18; en triplo, Alfonso Palomares (Sociedade Ximnástica de Pontevedra), récord galego absoluto e campión de España absoluto en 2016, e Alba Cuns (Playas de Castellón), campioa de España sub 18 en pista cuberta, e en salto con pértega, Gerson Vidal (Atletismo Narón), atleta internacional venezolano de probas combinadas que ten unha marca de 4,90 metros, Lola Bouza (Adas O Barco), campioa galega absoluta, e Lisa Vosberg (Ava Vigo), bronce no Campionato de España sub16”.

Ferrer asegurou que o obxectivo desta iniciativa, “que se converteu xa nunha tradición da última fin de semana de agosto”, é “sacar o atletismo das pistas ás rúas de Pontevedra, para que a xente poida desfrutar dun espectáculo aínda bastante descoñecido para moit@s”, servindo de escaparate aos atletas máis destacados dun club como a Ximnástica, “que traballa moito o sector de saltos”.