21 octubre, 2021
O rexedor aproveitou un encontro en Santiago con García Comesaña para trasladarlle a demanda exposta polo propio persoal do centro, e que esixen os vilagarciáns.
O alcalde insistiu na situación extrema que soportan tanto os profesionais sanitarios como os propios pacientes. que non poden ser atendido debidamente.
A piques de cumprirse un mes dende que o alcalde de Vilagarcía, tras recibir a un grupo de sanitarios do PAC de San Roque, solicitase unha reunión co conselleiro de Sanidade para trasladarlle a problemática que arrastran os servizos de urxencias, debido á continuada falta de médicos, hoxe mesmo, o rexedor demandou en persoa a Julio García Comesaña unha solución urxente para este servizo.
Alberto Varela e o titular de Sanidade atopáronse este mediodía na firma do convenio de colaboración entre a Consellería e a Fegamp, acto que o rexedor local aproveitou para trasladarlle a situación extrema que están a soportar os sanitarios pola sobrecarga de traballo, e tamén os pacientes que non poden recibir a atención axeitada debido á carencia de médicos.
A mediación do alcalde de Vilagarcía ante a Consellería responde á petición realizada hai unhas semanas por un grupo de médicos do PAC de Vilagarcía que, tras a resposta negativa ás numerosas peticións realizadas nos últimos anos aos organismos superiores para que resolvesen o problema da falta de persoal, se reuniron co rexedor para explicarlle a grave situación que se rexistra nas urxencias da Atención Primaria en Vilagarcía e solicitarlle a súa intervención.
Segundo explicaron os profesionais, no PAC de Vilagarcía non se cobren as baixas nin se reforza o servizo cando está de vacacións parte do persoal, o que supón que os que quedan teñan que dobrar quendas. Unha circunstancia que ao ser continuada dende hai anos está desgastando gravemente aos médicos. A situación veuse agravada de xeito importante coa crise sanitaria, que incrementou o número de pacientes que recorren ás urxencias ao non ter a posibilidade de atención física inmediata na Atención Primaria. E máis aínda, a falta de persoal fíxose moito máis evidente nos últimos meses, coincidindo co aumento poboacional que sofre en verán Vilagarcía e a súa área de influencia, (o PAC de San Roque da cobertura tamén a Catoira e Vilanova), onde o servizo quedou en precario, (cun só médico dos 2 que deberían estar), 3 días e xuño, 4 días en xullo, 7 en agosto e 8 no que levamos de setembro, en moitas das ocasións as 24 horas do día. E todo isto, complicouse máis co traslado da ambulancia medicalizada de Vilagarcía a Sanxenxo durante a tempada de verán, o que provocou que o persoal tivera que facerse cargo tamén de urxencias fóra do PAC, (accidentes, coidados paliativos, atencións domiciliarias…), deixando o servizo sen cubrir cando non había outro médico asignado ao servizo.
Nestas circunstancias, o rexedor pediulle ao responsable de Sanidade que poña os medios necesarios de forma urxente para acabar coa precariedade laboral que padecen dende hai anos os médicos do PAC, e que está a repercutir de forma negativa na calidade da prestación que reciben os pacientes.
Alerta