12 septiembre, 2021
O Goberno de Vigo aprobou este venres o proxecto de ampliación e modernización da Estación de Tratamento de Auga Potable situada na rúa Cantabria, que elevará de 900 a 2.200 litros por segundo o seu volume de tratamento.
O gasto correrá a cargo da concesionaria, co que non afectará ao recibo dos vigueses, segundo destacou o Alcalde.
“Non sube o recibo nin un céntimo”, valorou Caballero este venres, día no que a Xunta de Goberno Local aprobou un proxecto de 22,8 millóns, abonados por Aqualia como concesionaria municipal do servizo da auga de Vigo, dentro do seu plan de investimentos, que estará concluído e a pleno rendemento no verán de 2023.
A ETAP do Casal, emprazada na rúa Cantabria, foi erixida nos anos 70 e precisa dunha transformación integral para afrontar a demanda de auga potable prevista no futuro, para adaptala ao novo marco normativo vixente medio século despois da construción da actual e para mellorar a calidade e a eficiencia na xestión da agua a través das novas tecnoloxías. Caballero, quen asegurou que a auga de Vigo está entre as tres mellores de España en termos de calidade, afirmou que o obxectivo da actuación pasa por consolidar esta posición e incrementar “aínda máis” a calidade a medio prazo.
A modernización e a ampliación da Estación fará posible que Vigo multiplique por 2,5 a súa capacidade, pasando dos 900 litros por segundo actuais a 1.500 nunha primeira fase da obra e aos 2.200 litros por segundo finais ao remate da mesma. O proxecto contempla para o Casal un novo sistema de potabilización baseado na ultrafiltración. Ademais de ser eficaz, esta tecnoloxía demostrou reducir considerablemente os requirimentos de espazo en planta, explicou Caballero.
No detalle, a mesma parcela actual pasará a acoller novas liñas de tratamento de augas e de fangos, un novo edificio de dúas alturas e planta circular para os sistemas de filtración (as coñecidas como piscinas estarán ademais cubertas, á diferencia do modelo presente) e un novo inmoble de tres alturas para os reactivos. O lugar que hoxe ocupa o laboratorio será redeseñado como taller, sala de control e arquivo, ademais de conservar o espazo para as analíticas.
Abel Caballero ligou a aprobación deste proxecto da ETAP co estudo técnico elaborado para o abastecemento da área de Vigo a medio prazo. Entre ambas cuestións, “xa temos o deseño do tratamento da auga de todo o século XXI”, salientou. “Eu asumira o compromiso de que, sendo alcalde, ía resolver o problema da auga de Vigo para todo o século XXI e vou deixar resolto o problema da auga para todo o século XXI”, engadiu.
Xunta de Galicia
En declaracións aos medios, Abel Caballero censurou que a Xunta de Galicia tardase “quince meses” en conceder o visto bo ao proxecto para a planta do Casal. A primeira solicitude saíu do Concello o 31 de marzo de 2020 e a preceptiva autorización de Sanidade entrou o 2 de xullo de 2021. “A lei di que teñen que emitir o informe en tres meses; emitírono quince meses despois. Eu podo entender un atraso pola pandemia e que en lugar de tres meses tardaran seis, vale, pero é que tardaron quince. Atrasárono a mala fe”, asegurou o alcalde.
Por outro lado, o Alcalde recordou o carácter supramunicipal da instalación e “a obriga e a competencia” na materia que ostenta a Xunta de Galicia, pese ao cal non adica “nin un céntimo” á modernización do Casal. Esta ETAP deriva máis do 15% da auga que trata a 90.000 habitantes doutros municipios: o 9,5% a Cangas, o 2,8% a Moaña, o 2,7% a Redondela e o 0,5% a Mos. “Estamos encantados de facelo”, indicou Caballero, “pero se o presidente da Xunta non está para a auga potable dos municipios e das cidades, para que está?”.
Alerta