EScolas Deportivas Municpais. Fonte: Concello
28 agosto, 2021
A oferta deportiva será de 24 modalidades, que permitirán a máis de 1.000 nenos e nenas practicar o seu deporte favorito, ou descubrir unha nova disciplina. A presentación oficial do programa será o 10 de setembro, e pronto haberá máis información das inscricións
Despois de máis dun ano complexo para a organización de actividades e eventos deportivos, o Concelleiro de Deportes, Antonio Traba, avanzou esta mañá que desde o Concello de Marín “estamos a traballar para organizar unha nova edición das Escolas Deportivas Municipais, unha actividade que permite que cerca de 1.000 nenos e nenas da nosa vila, de entre 5 e 14 anos, poidan practicar o seu deporte favorito e descubrir novas modalidades”.
Está previsto que o próximo 10 de setembro teña lugar a presentación do programa das Escolas, nun formato adaptado á nova realidade Covid, con presentacións en diferentes espazos da nosa localidade.
O catálogo manterá o seu carácter variado, con diferentes modalidades deportivas xa ofertadas noutras ocasións: atletismo, baloncesto, boxeo, tenis, fútbol, fútbol sala, ciclismo/btt, piragüismo, vela, judo, natación, patinaxe, remo, taekwondo, axedrez, ximnasia rítmica, artística e acrobática; triatlón, pilates, hip hop, waterpolo, bádminton e tenis de mesa.
Todas estas actividades desenvolveranse entre as diferentes instalacións municipais, as dos colexios conveniados, e nos propios locais das entidades que se acollen a este programa municipal ano tras ano.
Inscricións
En canto ás inscricións nas Escolas Deportivas, nos próximos días iranse dando os detalles, a fin de permitir a facilidade e axilidade nas mesmas.
Manterase igualmente o custe de 50 euros anuais como prezo para poder participar na actividade. A data de inicio das Escolas Deportivas será o 4 de outubro coa incorporación progresiva de cada unha das modalidades.
Alerta