25 agosto, 2021
Buzos de toda Galicia e España exhibirán puntería e destreza este domingo no XXIII Campionato Virxe Peregrina de Pesca Submarina
O campionato terá lugar en San Vicente do Mar entre as 9:00 e as 13:00 horas. A pesaxe das capturas efectuarase ás 16:30 horas na Praza da Verdura, que tamén acollerá a entrega de trofeos
Os buzos máis avezados exhibirán a súa destreza e puntería este domingo 29 de agosto na península do Grove durante a celebración do XXIII Campionato Virxe Peregrina de Pesca Subacuática, organizado polo Club Sotavento en colaboración coa Concellería de Deportes de Pontevedra e a Federación Galega de Actividades Subacuáticas (Fegas). A competición desenvolverase na modalidade de infantería individual (entrando e saíndo desde a praia) e rexerase polo regulamento de pesca submarina da Fegas, dándose a saída na praia da Barrosa e acotándose a zona de pesca entre a praia de Canelas e o peirao de Pedras Negras.
O evento foi presentado esta mañá en rolda de prensa na Sala de Prensa do Teatro Principal polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o secretario do Club Subacuático Sotavento, Héctor Costa Fernández, e o organizador do campionato, Daniel Otero Fernández, subcampión galego da disciplina por equipos e vixente campión do Virxe Peregrina. Segundo asegurou Costa, “como vén sendo habitual, a inscrición e concentración dos participantes realizarase a partir das 8:00 horas na praia da Barrosa, onde se presentará a documentación e se asinarán a inscrición, unha declaración responsable e o protocolo Covid aprobado pola Xunta de Galicia, lembrando que, dada a situación que estamos a vivir, o uso da máscara será obrigatorio e cada participante deberá traer o seu equipamento, estando totalmente prohibido que compartan cousas entre eles”.
Alerta