6 agosto, 2021
Carmela Silva: “Trátase dun salto importantísimo con respecto a xullo de 2020, ao medrar 17 puntos, o que sitúa á provincia como un destino moi potente e resiliente”
As estimacións, “con todas as cautelas”, para o mes de agosto sitúan á provincia cunha ocupación media en establecementos hoteleiros superior ao 71%
“Cando remate a temporada turística, Rías Baixas estará moi ben posicionada en Galicia e no conxunto do Estado” asegurou a presidenta da Deputación ao dar a coñecer os datos de ocupación do mes de xullo rexistrados polo Observatorio de Turismo Rías Baixas. En establecementos hoteleiros a ocupación media foi do 65%, “un salto importantísimo con respecto a xullo do 2020, ao medrar 17 puntos, o que sitúa á provincia de Pontevedra como un destino moi potente e resiliente”, informou Carmela Silva.
“Os establecementos hoteleiros de todas as comarcas –destacou a presidenta – superaron con creces os resultados acadados en xullo do 2020”. Así, a comarca de Vigo chegou ao 77%, 29 puntos máis que o pasado ano; O Morrazo ao 76%, 8,8 puntos máis; O Salnés ao 74%, 23,7 puntos máis que en xullo do 2020; a comarca de Pontevedra ao 71%, 25,7 puntos máis; O Baixo Miño chegou ao 70%, 17,6 máis; Deza e Terra de Montes ao 55%, 17,2 máis; Condado e A Paradanta superaron o 53%, 6,4 puntos máis que en xullo do 2020 e a comarca de Caldas o 50%, 11,3 máis. No que respecta aos concellos, os establecementos hoteleiros de Vigo superaron o 81%, os de Baiona o 80%, os de Sanxenxo o 77%, os do Grove o 69% e os de Pontevedra o 68%.
En canto ao turismo rural, a ocupación media na provincia foi do 73,3%, o que supón 8,8 puntos máis que en xullo do 2020. “Non medrou tanto, en comparación cos establecementos hoteleiros, pero porque as casas de turismo rural xa foron os aloxamentos que a cidadanía escolleu maioritariamente o pasado ano”. Neste eido, Baixo Miño superou o 86,5%; O Morrazo o 84,2%; a comarca de Caldas o 83%; O Condado e A Paradanta o 77,7%; a comarca de Pontevedra o 67,2%; a de Vigo o 66%; O Salnés o 64% e Deza e Terra de Montes o 58%. Pola súa banda os cámpings rozaron o 61% de media provincial, sendo a ocupación do 71,2% na comarca do Morrazo, do 70% no Salnés, Condado e A Pardanta, do 60% na zona de Vigo e do 31% no Baixo Miño.
As vivendas turísticas acadaron unha media provincial en xullo do 88%, 20 puntos por riba do obtido no mesmo mes do 2020. Neste tipo de establecementos a provincia de Pontevedra foi a que concentrou a maior ocupación de Galicia, con visitantes procedentes maioritariamente de Asturias, Castela e León e o País Vasco.
En canto ás visitas ao Castelo de Soutomaior, os datos son “sobresalientes e amosan –tal e como asegurou Carmela Silva – que as iniciativas que estamos impulsando é o que a cidadanía demanda”. Así, en xullo de 2021 visitaron Soutomaior 5.275 persoas o que supón 3.102 máis que en xullo do 2020, e mesmo un incremento do 34% con respecto a 2019, cando se achegaron ao recinto 3.933 persoas.
No que respecta ao perfil das persoas que acoden ás oficinas de información turística da Deputación foron maioritariamente españolas (94%) procedentes de Madrid, Barcelona, Bizkaia e Asturias. En canto ás persoas estranxeiras (6%) proveñen maioritariamente de Francia, Portugal, Alemaña, Estados Unidos e Italia. A media de idade entre os 35 e 60 anos e permanecen na provincia entre 7 e 15 días motivadas/os pola oferta de ocio e cultura.
Previsións para agosto
“Hai que facer as estimacións con todas as cautelas”, asegurou a presidenta ,recordando que “a pandemia cambiou os hábitos das persoas e as reservas prodúcense con moi poucos días antes de viaxar, que a situación e moi variable e que a climatoloxía tampouco esta á axudar”. Sen embargo, nestes momentos, o Observatorio prevé unha ocupación en establecementos hoteleiros da provincia superior ao 71%. Espérase un 80% na comarca de Vigo; de preto do 79% no Morrazo; no Baixo Miño do 76%; do 72,4% no Salnés; do 72,1% na comarca de Pontevedra; nas comarcas do Condado e da Paradanta superior ao 71,6%; do 63% na comarca de Caldas; e en Deza e Terra de Montes por riba do 60%.
Xa no que respecta a concellos no mes de agosto agárdase que os establecementos hoteleiros de Vigo cheguen ao 75,4%, de Sanxenxo ao 63,6%, de Pontevedra ao 63%, do Grove ao 62,9% e de Baiona ao 60%.
Pola súa banda os establecementos de turismo rural da provincia esperan unha ocupación do 80,1% en agosto. Agárdase un 92% no Baixo Miño; 89,4% no Morrazo; do 85% na comarca de Caldas; superior ao 81% nas comarcas do Condado e da Paradanta; 75,4% no Salnés; do 75,2% na comarca de Pontevedra; do 74,4% en Deza e Terra de Montes; e do 68,3% na comarca de Vigo. Nos cámpings a estimación é do 65,5% de media na provincia, chegando ao 80% no Condado e A Paradanta, ao 78% en Vigo, ao 69,5% no Morrazo, ao 61% no Salnés e ao 39% no Baixo Miño. No caso das vivendas turísticas agárdase un 90% de ocupación.
Campaña “É o teu momento”: 13 millóns de impactos
A presidenta da Deputación tamén puxo en valor os “espectaculares” datos da campaña de promoción “É o teu momento”, que en xuño e xullo acadou ata 13 millóns de impresións, con máis de 2,4 millóns de visualizacións completas dos vídeos e 46.000 clics nos anuncios. “A nosa promoción segue chegando cada vez a máis persoas o que nos permite seguir posicionando o destino pontevedra provincia”, subliñou Carmela Silva.
No pasado mes de xullo a Deputación desenvolveu u a campaña entre os días 12 e 25 de xullo conseguindo máis de 5,4 millóns de impactos nas redes sociais e medios de comunicación dixital. Durante este período leváronse a cabo tres tipos de anuncios: en vídeo a través de YouTube, Facebook, Instagram e Twitter que sumou os 2,6 millóns de impactos; un carrusel fotográfico en Facebook e Instagram con máis de 1,1 millóns de impactos; e un banner en medios de comunicación dixital que acadou os 1,7 millóns de impactos. En total xeráronse preto de 20.000 clics nos anuncios e detectouse un incremento nas visualizacións completas do vídeo promocional.
Alerta